Sergio Moreno e Mercedes Vieitez imparten os cursos

NOTICIAS A LIMIA | O Museo da Limia inicia os obradoiros de artesanía coa cestaría e o tear

Cesteiro.

O Museo da Limia comeza a programación de obradoiros do ano con dúas ofertas: cestaría e costura en tear. Os cursos están organizados pola Asociación de artesáns Limiar e impartiranse durante o mes de abril, na sede do Museo en Vilar de Santos.

O artesán Sergio Moreno Solana será o encargado do primeiro deles, o de cestaría, que se desenvolverá todos os sábados de abril, en horario de tarde, de 16:00 a 18:00 horas, e terá un custo de 30 euros, no que se incluirán os materiais necesarios para o desenvolvemento da actividade.

Durante a semana de Semana Santa, o luns, martes, mércores e sábado, e co mesmo horario, impartirase un curso para cativos denominado Peza en tear rectangular. A cota será de 20 euros para os asistentes empadroados en Vilar de Santos e 25 euros para o resto. A costureira Mercedes Veitez Pérez será a encargada do obradoiro.

Durante a Semana Santa, tanto para visitas como para adquirir os produtos elaborados polos artesáns, o Museo abrirá todas as tardes, desde o luns día 11 ao 15 de abril, venres (de 16:00 a 18:00 horas). A fin de semana, o sábado 16 e o domingo 17 a apertura será no horario habitual, de 11:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 18:00 horas. As persoas interesadas deberán inscribirse, chamando ao teléfono 617844097.

A Asociación de artesáns Limiar, integrada no Museo da Limia (Vilar de Santos), comezou a súa andaina en decembro co fin de  crear, producir, investigar e estudar bens artesanais, velando pola difusión, conservación, innovación, defensa e promoción da artesanía galega. Está conformada por dez artesáns que desenvolven a actividade nos eidos da cestaría, olaría, instrumentos musicais, pantalla, costura, filigrana e prataría.