Poderase axudar elaborando os ornamentos ou doando material reciclado

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Santos busca voluntarios para decorar a vila neste Nadal

Cartel para a colaboración nos ornamentos de Nadal en Vilar de Santos.

Coa chegada do Nadal, moitas das vilas e aldeas de toda a comarca, xa comezaron a iniciar os preparativos para a decoración dos espazos públicos con elementos típicos da festividade.

Un deles é o Concello de Vilar de Santos, o cal, baixo a iniciativa da Asociación de Mulleres Rurais de Arracada, deu comezo -por segundo ano consecutivo- a súa campaña de voluntariado para ornamentar o municipio.

O obxectivo do plan é obter unha axuda altruista dos veciños e veciñas da vila na elaboración dos adornos de Nadal que se colocarán por todo o concello. A decoración será creada a partires de material de refugallo, polo que tamén se solicita a colaboración de toda a veciñanza para doar este tipo de compoñentes -coma madeira, pneumáticos, palets, mobles vellos, caixas...- .

A partires da segunda semana de decembro, comezarase a colocar toda a decoración pola vila. A idea sería contar con diversos renos, bonecos de neve, árbores de Nadal e coronas ou pequenos elementos típicos da festividade. Como iniciativa nova deste ano, crearase unha casiña do Apalpador para todos os cativos e cativas do pobo; tamén se incorporará o típico buzón dos Reis Magos para depositar nel as cartas e peticións de agasallos.

O anuncio está aberto a toda a poboación. O ano pasado colaboraran na elaboración e preparación dos ornamentos unhas 20 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Arracada -unha cifra que será igual este ano ao estar xa inscrito o mesmo grupo- . A maiores, tamén participarán os anciáns do Centro de Día da vila e os cativos do Centro Infantil. O Concello de Vilar de Santos axudará na recollida do material.

Para obter máis información ou formar parte da iniciativa deberase chamar aos servizos sociais do concello, 988 46 58 83, ou ben escribir ao correo mulleresrurais.arracada@gmail.com.