AVANCE | O Concello de Xinzo amplía dúas horas os horarios da hostalaría durante as Festas de Santa Mariña
Un decreto da Alcaldía asinado onte por Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo, e do que dá conta hoxe o goberno municipal permitirá ampliar en dúas horas "o horario de peche ordinario dos establecementos do termo municipal abertos o público, así como a finalización dos espectáculos públicos e actividades recreativas durante a celebración das festas de Santa Mariña", os días 15, 16, 17 e 18 de xullo; é dicir a fin de semana que comeza mañá e o luns, festivo local. O decreto ampárase no artigo 17.2 da Lei 10/2017, de 27 de decembro, que permite ampliar horarios en determinados supostos e concede esa competencia aos concellos.
Segundo a programación das festas, presentada a semana pasada, a Praza Maior, a rúa Alexandre Bóveda, e as prazas de Oriente, Carlos Casares e Xoán III serán os puntos neurálxicos nos que se agardan as diferentes actuacións.
“Haberá música de diferentes estilos dentro dun programa que consideramos que terá un gran atractivo”, considerou o edil de Cultura, Ramiro Rodríguez (BNG) no acto de presentación. As festas custarán uns 50.000 euros e o Concello de Xinzo tiña previsto pedir á veciñanza por carta achegas económicas.
No pleno ordinario de hai unha semana, a corporación local acordou por unanimidade a prórroga da exención do pago da taxa pola apertura de negocios, así como a exención de taxas por ocupación da vía pública con mesas e cadeiras. “Aplicouse por primeira vez con carácter retroactivo por mor da pandemia e decidiuse manter pola cantidade de establecementos deste sector que poden beneficiarse neste momento no que moitos están a pasar por dificultades económicas”, indicou o goberno local nunha nota de prensa.
PROGRAMA DAS FESTAS DE SANTA MARIÑA
Venres, 15 de xullo.
21:30 horas. Proxectarase o documental “O Gran Camiño”. Praza de Oriente.
00:00 h. Actuación de Gin Toni´s na Praza Maior.
Sábado, 16 de xullo.
13:30. En Mala Hora. Praza Maior.
17:30: Batalla de baile. Praza Maior.
20:00. Patty Diphusa. Praza Xoán XXIII.
22:30. LIMIA SONORA. Praza Carlos Casares.
Domingo, 17 de xullo.
13:30. Sr Jingles. Praza Maior.
21:30, e 01:00. Orquestra New York. Rúa Alexandre Bóveda.
23:00. LIMIA SONORA. Praza Carlos Casares.
Luns, 18 de xullo.
13:30. Los Jinetes del Trópico. Praza Maior.
18:30. Cé Orquestra Pantasma. Praza de Xoán XXIII.
19:30. Agrupación Musical da Limia. Praza Maior.
21.00 e 23:00. Grupo Assia. Rúa Alexandre Bóveda.