O responsábel de Facenda di que a xestión é “sobresaínte” e elude o debate sobre o informe do control de contas

NOTICIAS XINZO | O goberno de Xinzo cuestiona o labor da Intervención e ponse como nota un sobresaínte

A interventora e a alcaldesa, durante o pleno deste venres en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

“Falaremos no pleno”, respondeu Manuel Pérez Campos, responsábel de Facenda no goberno de Xinzo de Limia, a comezos de semana ao Diario do Limia, que fixo público o informe de reparo da Intervención a respecto dunha serie de gastos para os que non hai crédito orzamentario asinado. Chegou o pleno e Pérez Campos falou de moitas cousas, moito, mais moi pouco do asunto concreto: por que o goberno de Xinzo incorreu en gastos para os que non dispuxo cartos e fíxoo sen consultar á Intervención?


O PP pasou ao ataque, co respaldo de Montse Lama, que volve abrazar as siglas populares, e Antonio Fernández Veiga, o seu portavoz e futuro candidato, pasou por riba do concelleiro de Facenda sen moito esforzo. “Este reparo da Intervención non ten precedente na historia deste concello. É inviábel soster este cuatripartito que parece que ten varios alcaldes contratando e gastando sen control. Poñen ao Concello de Xinzo nunha situación grave, virán novos reparos e quen paga serán os provedores e os veciños. O tempo pon a todo o mundo no seu sitio: pidan desculpas ou deixen as actas”.


A resposta de Pérez Campos empezou cunha afirmación contundente: “A nosa xestión é de sobresaínte”. Empezou tan arriba que todo o que veu a continuación foi caída, afundimento. Se Fernández Veiga sae reforzado como aposta do PP, a ambición de Pérez Campos de repetir como concelleiro sae tocada dun debate que interpelaba directamente á súa capacidade como xestor da caixa municipal cunha dedicación parcial. 

Lonxe de pedir desculpas ou de entregar a acta, Pérez Campos eludiu nas súas dúas quendas calquera explicación sensata das accións que motivaron o reparo da interventora. Falou da pista de xeo polo Nadal, do Entroido, das festas do verán, do que lle comentaran nos bares a respecto da afluencia de xente nas festas, falou do Esquecemento, da Feira do Comercio e da Feira da Pataca e da tortilla xigante. “Non había onde meterse”, dixo para valorar a chegada de turistas e visitantes á vila nos últimos meses.


“Iso mesmo pasou en Redondela, onde teño familia, e en todo o país”, espetoulle Fernández Veiga.

“As contas que fixen daban que por cada euro de gasto, que é investimento, quedarían en Xinzo 5 euros”, sostivo o responsábel da Facenda municipal. Mais o informe de Intervención non discute iso, o retorno, senón a saída... Xusto despois, Pérez Campos rematou a súa primeira intervención cunha afirmación búmerang: “Se vostedes [o PP de Xinzo] cumprisen a ‘rajatabla’ con ese plan de axuste, este goberno non tería este problema”.

A alcaldesa resumiu: “Non é máis que un reparo”.

A alcaldesa pechou o debate lembrando reparos de Intervención a actuacións do goberno popular en Xinzo anteriores ao 2019, aludindo ás dificultades que xerou a pandemia e a guerra en Ucraína e concluíu cuestionando directamente á labor da Intervención: “Non estou de acordo co reparo, pero acátoo. Aínda que os datos están mal calculados, sacados de contexto, tomando como referencia datos calculados para 2014, e hoxe, ademais, as regras de gasto están suspendidas”, afirmou Lama. Tampouco pediu desculpas. Só resumiu: “Non é máis que un reparo”.

Finalmente, todos os grupos votaron a favor do reparo da Intervención. A interventora, alí presente, gañou o pleno. Neste, e no resto dos asuntos do día, porque todos se someteron aos diferentes ditames do órgano de control.