AVANCE | O pleno de Xinzo acorda ampliar a intervención no Mosteiro de Trandeiras até os 915.000 euros
PLENO MUNICIPAL
A corporación municipal de Xinzo de Limia acordou esta mañá a aprobación dunha addenda a un convenio subscrito coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) que suporá incrementar o gasto previsto no Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras até os 915.000 euros.
O PP abstívose na votación. O portavoz popular, Antonio Fernández, explicou que a súa formación estima que os recursos deben ir destinados “a outras prioridades”. A concelleira do grupo mixto, Montse Lama (que segue participando nos plenos de maneira telemática), votou a favor.
A intervención inicialmente prevista tiña como obxecto a “consolidación das infraestruturas hidráulicas asociadas ao Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras”. Coñecido é o especial interese da CHMS pola recuperación dos elementos patrimoniais asociados aos ríos. Mais o goberno municipal de Xinzo advertiu que a estrutura que queda en pé do Mosteiro tamén precisaba dunha actuación.
Engadiranse uns 300.000 euros ao orzamento inicial para acometer a consolidación dun dos muros e a recuperación do Refectorio como centro de interpretación.
Así que se engadiron uns 300.000 euros ao orzamento inicial para acometer a consolidación dun dos muros, “en risco de derrubamento”, segundo explica o goberno local, así como recuperar o antigo Refectorio como aula e centro de interpretación do conxunto monumental.
A alcaldesa apuntou no pleno que o acordo inicial contemplaba que o concello asumiría o 20% do gasto, e que tras a ampliación o concello asumirá o 10%, polo que a contía que sairá das arcas municipais verase reducida.
O Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, fundado en 1520, sufriu dous grandes incendios (en 1668 e en 1813). Na actualidade conserva a parte baixa do claustro e unha igrexa dunha soa nave.