AVANCE | Roubo na Casa da Cultura de Xinzo
A asociación Escola Rural de Saúde topouse esta mañá coa porta forzada e a pechadura rota da aula que acolle á asociación na Casa da Cultura de Xinzo. No interior, as responsábeis da asociación tamén botaron a faltar materiais de traballo. Ás tres da tarde, no local seguían á espera da presenza da Garda Civil de Xinzo.
Hai dúas semanas, e despois de que as responsábeis da Escola tivesen constatado que do local estaba desaparecendo material e mesmo cartos da asociación, decidiron cambiar a pechadura da porta. Este martes, cando ás dez da mañá unha delas se dispuña a abrir o local, descubriu os danos na porta.
Foran retirados varios parafusos que suxeitan a maquinaria de peche á porta e forzada a pechadura con algún obxecto que serviu de panca. Parte do conglomerado da porta cedeu, e esta quedou aberta.
Na Escola non tiñan noticia esta mañá, antes de recibir a visita da Garda Civil, de que outras portas de acceso ao recinto tiveran sido tamén forzadas. Mais si explicaron que, hai varias semanas, elas empezaron a botar en falta unha cámara web, un proxector e un altofalante, ademais de diñeiro procedente das cotas de novos asociados.
Daquela non presentaron denuncia por eses supostos roubos. Pero si cambiaron a pechadura. Hoxe, despois do asalto, botaron en falta un monitor de ordenador e un xogo de altofalantes.