Unanimidade no pleno de Xinzo para esixir transparencia sobre o futuro da Limia

O Bloque sinala á Xunta como única responsable do desastre pola súa pasividade na crise dos nitratos

Camilo Vilo, Marcos Nogueiras e Manuel Pozo.

O Bloque limiao apunta á Xunta de Galicia e á súa inacción nos últimos anos como responsable exclusiva das consecuencias que poidan vir. 

Ante a inminencia da declaración da Limia como Zona Vulnerable a Nitratos, o grupo municipal representado por Camilo Vila conseguiu que tódalas forzas políticas de Xinzo asinaran a súa moción para esixirlle á Xunta toda a información que esconde.

Tras catro anos sen revelar o contido do Plan Estratéxico da Limia, a Consellería de Medio Rural puxo en risco a toda unha comarca, segundo Vila: "Xogaron co pan de miles de persoas e coa estabilidade dunha comarca e non teñen vergoña en continualo facendo. Catro anos sen facer absolutamente nada máis ca sacar fotos nas nosas terras, sobre todo antes dos procesos electorais".  

Ademais de darlle luz ó Plan Estratéxico, a moción aprobada inclúe o requirimento dos informes que motivan a declaración á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como a actualización dos datos en tanto que os que provocan a declaración da Zona Vulnerable son de 2019. Ó mesmo tempo, proponse apostar por mesas de traballo onde se senten, antes ca ninguén, os colectivos máis afectados: agricultores e gandeiros así como sindicatos, a IXP Pataca de Galicia e o Campus da Auga da Universidade de Vigo. 

O responsable comarcal do BNG na Limia, Marcos Nogueiras, engade que se recolle "a necesidade dunha dotación económica que amorteza o impacto que poidan producir as medidas que a Xunta de Galicia adoptará e que aínda nos segue ocultando".

Vila defende que "na Limia non podemos perder nin un posto de traballo nin a nosa xente vai pagar a incompetencia de quen se escondeu durante anos. Non llo imos permitir".