NOTICIAS XINZO | O BNG critica a programación do Entroido por "anacrónica e intervencionista"
O Bloque Nacionalista Galego de Xinzo de Limia recolle o malestar veciñal e critica abertamente unha programación "personalista, intervencionista e anacrónica".
Os concelleiros nacionalistas de Xinzo, Camilo Vila e Manuel Pozo ven na programación presentada unha consecuencia directa de ter prescindido da Comisión veciñal para a organización do Entroido, que "en vez de defender a nosa milenaria festa queren convertela nun carnaval capitalino calquera". Advirten tamén de que a supresión desta Comisión réstalle a transparencia que merece o principal evento limiao.
Os principais focos da crítica póñense por unha banda na contratación da artista Leticia Sabater precisamente para a data máis infantil do calendario, o venres do entroido. "Unha proxección hipersexualizada e unha mensaxe anti educativa non poden presidir a nosa festa tradicional" asegura Vila. Por outro lado, critícase o establecemento do día da "Festa Glam" por ser "un invento populista que busca encher as prazas a calquera prezo sen coidar a esencia da festa nin a hostelería de toda a vila".
O discurso do BNG remata recordando que "o entroido faino a xente" e o Concello o que debe é garantir a seguridade, a limpeza e a loxística.