Os bombeiros comarcais avivarán o conflito con medidas de protesta máis crúas, tralo "plantón" de Xunta e Deputación
A última reunión do 25 de setembro entre os bombeiros comarcais en folga e os representantes das Administracións responsables destes parques (xestionados por consorcios compostos por Xunta e deputacións provinciais) deixou poucos avances, apenas o compromiso de volver reunirse este luns 9 de outubro no Consello Galego de Relacións Laborais. Pero ese encontro non tivo lugar.
O comité de folga denuncia o que consideran un "plantón", que para eles ratifica o desinterese por solucionar o conflito e lévalles á idea de recruar o conflito, que xa dura 116 días. Os folguistas reclaman, entre outras cousas, máis persoal e que se negocien convenios coas mesmas condicións para todos os parques e provincias.
Para este luns estaba prevista, ás 10 da mañá, unha reunión entre a representación dos traballadores e os interlocutores designados polas Administracións. Segundo explican desde o comité de folga, a última hora do domingo comezaron a recibir, por canles extraoficiais, alertas de que os representantes de Deputacións e Xunta poderían non acudir, alegando non ter dispoñibles uns informes previamente solicitados.
Finalmente, á reunión non acudiu ninguén en representación dos Consorcios de bombeiros provinciais. O comité considera isto un "desplante" que "marca un antes e un despois". "A nosa paciencia esgotouse", afirma Moisés Fernández, de CC.OO. "A mensaxe que se nos traslada con esta falta de seriedade é clara: ás Administracións non lles preocupa a prestación do servizo de emerxencias, nin queren resolver ou problema", secunda Álvaro Negreira, de UXT.
Asemblea o vindeiro mércores
Así as cousas, o colectivo xa baralla tomar novas medidas de presión e recruar o conflito. Ata o momento, e a pesar de que a folga leva máis de cen días convocada, os folguistas non a secundaron, aínda que si se negaron a facer horas extra e a cubrir baixas e permisos de compañeiros, algo que xa obrigou a pechar diferentes parques en diferentes xornadas. Pero o mércores pola tarde celebrarán unha asemblea de traballadores de toda Galicia, para estudar un novo calendario de mobilizacións e un endurecemento das medidas.