Soben as cifras en seis concellos, con Porqueira, Sarreaus, Rairiz e Vilar de Santos por riba dos 20 contaxios

CORONAVIRUS NA LIMIA | Xinzo mantén a tendencia á baixa; Sandiás, en máximos, alcanza os 41 casos activos

Centro de saúde de Xinzo.


 

A sexta onda segue marcando cifras altas, máis a vertixe das primeiras semanas do ano esvaeu. En Xinzo baixan por terceiro día consecutivo o número de casos activos de covid. Son dez menos que onte, para un total de 319. Pode que a sensación de que o perigo remite teña contribuído para que nos cribados de onte e de pasado mañá en Xinzo aínda haxa ocos. A capitalidade vai camiño de baixar dos 300 rexistros, despois de que hai oito días a cifra tocase teito (430)

Así están os rexistros
BALTAR  (variación -2)  15 (activos)
OS BLANCOS  (-2)  12
CALVOS DE RANDÍN (+2)  5
PORQUEIRA  (+1)  21
RAIRIZ DE VEIGA (-1)  26
SANDIÁS (+3)  41
SARREAUS (+2)  23
TRASMIRAS  (-1) 17
VILAR DE BARRIO (-1)  14
VILAR DE SANTOS  (+2)  22
XINZO DE LIMIA  (-10)  319

No conxunto da comarca, hai anotados este mércores 515 casos activos. Son sete menos que onte. A baixada en Xinzo non compensou a subida do resto. Os rexistros volveron crecer en Calvos, Porqueira, Sarreaus e Vilar de Santos, mentres que Sandiás supera por vez primeira os corenta contaxios (41). Houbo baixadas en Baltar, nos Blancos, Rairiz, Trasmiras e Vilar de Barrio, ademais da de Xinzo. 

O SERGAS informou do resultado dos cribados de onte nos hospitais da provincia. De 785 probas realizadas, 101 foron positivas, o 12,8%. Tamén houbo cribados en Coles, Celanova, Ribadavia e Trives. En todas estas vilas detectouse algún positivo. Segue habendo contaxios.