Unha imaxe renovada, mellores contidos e un buscador pioneiro para achegarse á cidadanía

A Deputación de Ourense lanza unha nova web máis moderna e accesible

Imaxe da nova web da Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense estrea nova páxina web (depourense.gal) co obxecto de renovar a súa imaxe, ter unha relación mais directa coa cidadanía, ofrecer novos e mellores contidos e  adecuarse ás tecnoloxías emerxentes.

A nova páxina é máis visual, agradable e directa, facilitando o acceso as diversas seccións e ofrecendo diferentes opcións de navegación como uns menús superior e inferior permanentes coas seccións máis requiridas, a adaptación visual a todo tipo de dispositivos ou o enlace directo a outras webs da institución.

Outro dos aspectos mais relevantes é un buscador de última xeración que permite a busca de contidos en base a temáticas, ámbitos de actuación e datas de publicación. A día de hoxe o buscador xa ten integrados todos os contidos dos boletíns da provincia de Ourense dos últimos 15 anos, os contidos das diferentes webs dos concellos da provincia de Ourense, a información que a Deputación ten aloxada na Base de Datos Nacional de Subvencións, os procesos de contratación e outra información de interese. 

Cabe resaltar tamén que a Deputación é pioneira na implantación da tecnoloxía empregada en dito buscador, sendo a día de hoxe escasas as institucións españolas que a teñen incorporada nas súas páxinas web. Ata o día de hoxe, a referencia mais destacada de dita tecnoloxía en España é o Museo do Prado en Madrid.

A Deputación segue a traballar en mellorar os seus canles de comunicación coa cidadanía e as institucións e, neste sentido, a páxina seguirá evolucionando e incorporando contidos e novidades de forma permanente.