Os días 23, 24 e 25 de agosto en Xinzo de Limia

O Desfile dos Fachos, novidade nesta XXIV edición da Festa do Esquecemento

O Concello de Xinzo de Limia, en colaboración coa Asociación Cultural Civitas Limicorum, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, presentou hoxe a XXIV edición da Festa do Esquecemento, que terá lugar do 23 ao 25 de agosto. Esta edición caracterízase por unha colaboración sen precedentes por parte do Concello, que instalou puntos de luz e auga con ampla antelación, algo que nunca se fixera antes. Estas melloras buscan facilitar o desenvolvemento das actividades programadas e subliñan o forte compromiso do Concello co evento.

A Festa do Esquecemento, ademais de ser unha importante celebración cultural que rememora a chegada das lexións romanas ao río Limia, tamén xoga un papel crucial na economía local. Durante esta fin de semana, a gran maioría dos sectores produtivos, servizos e demais industrias de Xinzo vense implicados, o que resulta nun impacto económico moi positivo para a vila e a comarca. "O impacto que ten esta festa na nosa vila é innegable; converteuse nunha cita obrigatoria do verán, cunha repercusión moi positiva para toda a comunidade", afirmou o alcalde Amador Díaz.

Na presentación, á que asistiron gran parte dos membros do grupo de goberno encabezados polo alcalde Amador Díaz, tamén estiveron presentes o presidente da Asociación Cultural Civitas Limicorum, Marcos Argibay, parte da Xunta Directiva da Asociación, así como algúns dos principais actores e actrices da festa. Durante o acto, Marcos Argibay destacou que esta é "a fin de semana máis grande do verán en toda a comarca da Limia", e convidou a toda a veciñanza a participar abertamente e sen prexuízos nesta celebración única.

 

Entre os actos máis destacados da festa, inclúese o cruce simbólico do río Limia, que se realizará o domingo pola tarde, o Desfile de Fachos que terá lugar o venres á noite e os grandes Xogos Olímpicos que se celebrarán o sábado á tarde. Ademais, nesta edición contaremos coa colaboración especial dunha lexión romana de Cartagena, o que enriquecerá aínda máis a experiencia para todos os asistentes.

 

O alcalde subliñou o apoio do Concello á Festa do Esquecemento, sendo conscientes da tendencia alcista do evento e da súa repercusión xeral para toda a vila. Finalmente, o Concello de Xinzo de Limia e a Asociación Cultural Civitas Limicorum invitan a toda a veciñanza e visitantes a unirse a esta gran celebración, que promete ser un dos eventos máis destacados do verán.