DÍA DE ROSALÍA | Carreira de orientación no CEIP Rosalía de Castro, en Xinzo, para contar a poeta nacional
Nunha vila como Xinzo o galego pisa terra firme. E a máis firme das galegas nas letras, Rosalía, celébrase este día 23, data en proceso de institucionalización, como se deben celebrar ás figuras nacionais, con normalidade asentada na confianza no futuro. O galego está moi vivo en Xinzo e na Limia. Por iso Rosalía é unha veciña máis, senlleira, cotiá, arraigada.
Á unha menos dez pasan correndo rapazas e rapaces de quinto curso. Levan na man unha folla cun mapa. É un xogo. No colexio Rosalía de Xinzo este mércores 23 é un día normal no que toca repasar Rosalía. O circuíto está deseñado pola cooperativa TricTrack. O director informa que é un recurso didáctico habitual. "Xa se fixo o Día da Paz e noutras conmemoracións", lembra.
Á unha e dez soa o timbre e o patio queda para as cativas e os cativos de cuarto curso. A xefa de estudos ordea o xogo. Antes, presenta ás xornalistas do Diario do Limia. "Lembrades que a semana pasada falamos do xornalismo?". Un gran si. "Lembrades que dixemos do xornalismo?". Dúbidas. "Que as noticias tiñan que ser obxectivas..."
Mais hoxe toca Rosalía e Rosalía é todo, menos imparcial. Nas portas das aulas, nas paredes do corredor, alumnas e profesoras levan días colgando fragmentos, poemas da poeta. "Levaime, levaime, airiños/ levaime a donde me esperan..." comeza un deles, escrito sobre unha cartulina laranxa.
A cousa, o xogo, consiste en que pequenos grupos de alumnas e alumnos recorran o recinto do colexio á procura de pistas sobre Rosalía. Cousas de Rosalía. En cada fito atopan unha pregunta. Conta o tempo que empregue cada grupo (de aí, as carreiras) e contan os acertos.
"Son dez ou quince minutos no patio e nos edificios, e despois regresamos á aula e facemos reconto", explica unha das docentes do quinto curso mentres toma nota. Os equipos van saíndo por quendas, á carreira. Despois xúntanse todos. Repasan. Volven unha e outra vez sobre Rosalía. Presente no muro da entrada, no edificio administrativo, nas flores de papel que esta mañá tócalle repartir a unha nena "que se atopa algo maliña" e queda coa mestra.
Súan as nenas e os nenos, corren, brincan, aprenden nos mapas, nos textos e nos debuxos das paredes e dos muros. O CEIP Rosalía está cheo de cores. Hai moitas máis cores aquí que no resto de Xinzo. Tamén pega o sol de febreiro, día 23. Tamén hai zonas de sombra. Paredes e muros que parecen todas de costas. Por dentro, o Rosalía, que nalgunhas cidades é un teatro, noutras (poucas) unha praza, case sempre unha rúa.
"...levaime a donde me esperan/ unha nai que por min chora/ un pai que sin min n'alenta", continúa o poema de cor cabaza. Rosalía, tan próxima e tan misteriosa, no seu cole no seu día. Un día normal. Noso.