ENTREVISTA | “Somos mellores gobernando que facendo oposición”
Antonio Fernández (Portugalete, 1970) regresou a Xinzo antes de cumprir os 24 anos e comezou a militar no PP. Primeiro en Nuevas Generaciones; despois xa cos maiores. Fiel até a medula “ao flamante presidente Baltar”, deixa en mans deste e do partido a posibilidade de repetir como candidato a alcalde.
Que balance fai destes dous anos e pico facendo oposición?
O concello está en mans dun goberno Frankenstein. Estase mal gobernando ou desgobernando. Viven para a foto. O PP deixou unha herdanza bastante importante en obras, cun compromiso por parte da Xunta de investir tres millóns de euros para que ía a ser a circunvalación de Xinzo. As obras debían estar rematadas no primeiro ano de mandato, e están mal rematadas, moi mal rematadas, ou sen rematar.
Que talante ten o goberno coa veciñanza?
Na Moreira, por exemplo, a Asociación de Veciños, leva tempo demandando melloras. A alcaldesa non recibe ben á xente, e incluso enfróntase... Iso orixina malestar. Pensamos que é un goberno que non ten os pés na realidade. Outro exemplo: prometéronse axudas ao comercio e á hostalaría e non se cumpriu. A Xunta foi quen de chegar a uns 150 autónomos, e o concello non chegou nin á terceira parte. E a axuda que compensaba a taxa do lixo aínda segue sen chegar. En novembro había quen aínda non recibira o do ano 2021.
“A alcaldesa non recibe ben á xente, e incluso enfróntase... Iso orixina malestar.”
Como está sendo o traballo do PP no concello?
É certo que non estamos habituados a estar na oposición. Pero penso que o grupo municipal do PP de Xinzo debe ser o grupo na oposición de toda a provincia que máis mocións leva a pleno. Para o próximo, catro. Unha de apoio ao sector cárnico; outra para que as entidades financeiras presten servizo no rural; outra para crear un punto de información municipal que oriente á veciñanza sobre calquera trámite; e unha última para pedir un servizo de grúa para retirar vehículos da vía cando sexa necesario.
Di que non están afeitos a estar na oposición, como se refixeron para facer oposición?
Pois estando a pé de rúa. Escoitando ás veciñas e aos veciños. Levando as súas demandas á Casa Consistorial.
Melloraron facendo oposición?
Somos mellores gobernando que facendo oposición.
Como encaixou o PP perder o goberno local?
Con empaque. Facendo piña. Non calando, como pretendían que calaramos. Agora, no pleno, somos a voz da rúa.
Como afectou á organización a inhabilitación de Antonio Pérez?
Antonio Pérez foi un gran xestor e trouxo moitos cartos para Xinzo. Cando un líder ten que abandonar temporalmente, pois é certo que queda o partido un tanto orfo. Tivemos que nos rexenerar. Sabemos facelo, collendo as cousas boas de Antonio Pérez igual que se colleron as cousas boas de Isaac Vila.
Antonio Pérez vai volver?
É novo, e por suposto ten as portas totalmente abertas. E estou seguro que volverá no momento que poida estar liberado desa sentencia que, teño que dicir, penso que é inxusta, aínda que acatamos.
“Estou seguro que Antonio Pérez volverá no momento que poida estar liberado desa sentencia”
O liderado do PP en Xinzo está en discusión?
Eu son o portavoz do grupo municipal, e despois hai unha xestora provisional nomeada desde as direccións provincial e rexional que preside Carlos Gómez. Estamos preparando as eleccións do ano que vén. O candidato e o presidente local, que poden ser ou non a mesma persoa, decidirano as bases nun congreso local.
“Se me din hoxe que teño que ser de novo o candidato, pois a disposición é total.”
Vostede está disposto a seguir?
Estou disposto sempre a estar onde me mande o meu presidente provincial, Baltar, e o meu presidente rexional, Alberto Núñez Feijoo.
Se a decisión tivera que tomala hoxe mesmo, cal sería a súa disposición?
Pois é do cento por cento. No 2019 pedín un tempo para reflexionar, pensando na familia. E decidín dar o paso por cariño ao PP, aquí me criei e non me vou mover nunca de aquí. Se me din hoxe que teño que ser de novo o candidato, pois a miña disposición é total, ás súas ordes.