Os escolares do CEIP Rosalía de Castro, comprometidos co Medio Ambiente
Mañá, 5 de xuño, celebrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Con motivo desta data tan sinalada, os alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Rosalía de Castro achegáronse para coñecer a Estación de Tratamento de Auga Potable de Xinzo (ETAP) e comprobaron a importancia de coidar do medio para ter auga potable de boa calidade. Ademais, construíron o seu propio circuíto de auga para que coñeceran os tratamentos de potabilización.
A esta xornada acudiron a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, que entregaron a todos os rapaces uns carnés donde mencionan que son coidadores oficiais dos ríos, unha vez que percorreron unha andaina desde a ETAP ao entorno onde conflúen o río Limia e Faramontaos. A esta cita tamén foi o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez e o concelleiro de Deportes, Rafa Penabad.
Ademais, o alumnado puido coñecer de primeira man unha zona expositiva en tres mesas distintas sobre temas como: restauración dos ecosistemas, macroinvertebrados acuáticos e vertebrados asociados ao río. Lama valorou de forma positiva estas accións porque "é de vital importancia sementar esa inquietude por conservar o medio ambiente e protexelo", expresaba a rexidora.