"Medidas preventivas para o contaxio de enfermidades", a derradeira sesión das xornadas formativas para maiores de 50
As Xornadas Formativas para maiores de cincuenta anos que a USC (Universidade de Santiago de Compostela) promoveu en Xinzo de Limia remata o seu periplo no concello limiao cun tema de rabiosa actualidade: a prevención fronte a contaxios.
Esta derradeira xornada, que se celebrará na Casa da Cultura do Concello de Xinzo, e que dará comezo as 10:00 horas da mañá, ten o título de "Medidas preventivas para o contaxio de enfermidades" e será dirixido polo médico de Atención Primaria Sergio Cinza Sanjurjo.
Distribución da xornada
A sesión de mañá, cunha duración de hora e media, celebrarase en horario de 10:00 a 11:30, tempo que se empregará para formación.
Na tarde, con comezo ás 16:30 e remate ás 18:00, realizarase un debate semiestructurado sobre o tema.
Éxito das xornadas para maiores
Dende o consistorio valórase positivamente a impartición destas xornadas, "xa que contan cunha interesante oferta cultural dedicada a un sector da poboación ás veces esquecido neste sentido." .
A iniciativa da Universidade de Santiago -que se desenvolveu nesta vila por primeira vez este ano lectivo- resultou todo un éxito, no senso de que non só asistiron os inscritos, senón tamén outros veciños que quixeron participar como ouvintes. En coherencia, dende o Concello manifestouse o desexo de que estas xornadas formativas se volvan a celebrar na vila en próximas edicións.
As xornadas, que levan por título “Camiños de coñecemento e experiencia”, achegaron á vila temas que espertaron gran interese ao longo do mes de abril. Na primeira sesión púxose en valor o patrimonio cultural de Xinzo cunha ruta guiada, e na segunda falouse sobre criminoloxía e política criminal, desvelándose incluso as claves coas que se realiza un bo interrogatorio.
,