Medio Rural inviste seis millóns de euros en novas perforacións hídricas na Limia
A Xunta segue traballando na mellora e modernización do regadío da Limia, coa perforación dos 40 novos pozos que completarán así a rede de pozos desta bisbarra ourensá. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou este venres as obras de tres pozos e avanzou que o orzamento total que se vai investir neles ascende a case 6 millóns de euros, contando as obras de bombeo e electrificación dos pozos.
Precisamente, dos tres pozos que supervisou o conselleiro, un deles xa está finalizado, outro está en perforación e, no terceiro, están a comezar cos traballos relativos ao ensaio dos bombeos e ao seu control hidrolóxico para o correcto dimensionamento dos grupos de bombeo. Desta maneira, engadiu, obterase o caudal exacto de cada pozo, o que resulta fundamental para deseñar a futura rede de regadíos.
De feito, José González indicou que na actualidade están dúas perforadoras con equipos completos e que se prevé rematar a perforación dos pozos nestes días. Paralelamente, engadiu, estanse a realizar os traballos de acondicionamento dos terreos onde se emprazan os pozos e prevese que a finais de febreiro estean os 40 pozos aforados, é dicir, co caudal exacto determinado para cada un dos pozos.
Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que estas obras foron necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes.