Un Nadal cheo de música no Conservatorio de Xinzo de Limia
O Conservatorio de Xinzo de Limia ten no seu Calendario Escolar diversas actividades programadas ó longo do curso, para fomentar e difundir a música entre o propio alumnado e o resto de rapaces da comarca. Entre elas atópase o Festival de Nadal.
Para dita celebración, o Conservatorio organizará tres concertos abertos ó público que correrá a cargo dos alumnos e alumnas que con tanto esforzo e entusiasmo prepararon as súas actuacións, baixo a dirección dos profesores: Esmeralda Marra López, Jesús Dopazo Amorín, Elena Domínguez Rodríguez, María José Rodríguez Carrera, Eliseo Penín Rodríguez, Roberto Seara Abad, Nieves Llopis Tormo, Cristina Vázquez Canal e Alejandro Martínez Ares.
O primeiro dos concertos correrá a cargo dos rapaces de Grao Elemental. Celebrarase este martes 17 ás 20:00 horas no Auditorio "Ángel Cocho" da Casa de Cultura de Xinzo de Limia. Escoitaremos repertorio variado pero, sobre todo, panxoliñas que nos mergullarán no ambiente navideño tan propio destas datas tan sinaladas.
O segundo dos concertos estará a cargo do alumnado máis veterano, os rapaces de Grao Profesional. Ensembles, música de cámara e actuacións solistas, encherán de música o Auditorio "Ángel Cocho" da Casa de Cultura de Xinzo de Limia este mércores 18 ás 20:00 horas.
Como remate desta gran festa musical, organizan un concerto moi especial na que participarán todos os rapaces do centro, dende os máis cativos de Música e Movemento e Iniciación Musical ata os máis maiores; ensembles, o coro de grao elemental e o coro de grao profesional e a banda serán os encargados de pór o broche final a este Festival de Nadal.
Nesta ocasión será o Venres 20 ás 18:30 horas no Auditorio "Ángel Cocho" da Casa de Cultura de Xinzo de Limia. Ó remate, os alumnos voltarán ó centro porque continúan as actividades para a cativada co concurso "PANXOLIÑADAS" onde todos os grupos dos diferentes cursos competirán cantando panxoliñas clásicas ou compostas por eles mesmos. Haberá a consabida entrega de premios da decoración navideña e, como sempre, algunha sorpresiña máis.