NOTICIAS A LIMIA | Inscricións abertas na Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo
A Escola Municipal de Gaitas e Percusión do Concello de Xinzo abriu o pasado dous de agosto os prazos para a realización de matrículas no centro ata o 24 de setembro. Centro do que forma parte a xa coñecida Banda de Gaitas de Xinzo de Limia, e no que imparten clases Fernando Dopico, Xoán Losada e Miguel Estévez.
Nela poderanse inscribir persoas de tódalas idades que estean interesadas en tocar algún instrumento coma a gaita, o tambor, pandeireta, timbal e bombo. Os inscritos recibirán nocións de armonía, solfeo, teoría musical... agrupados principalmente por idades para realizar unha mellor distribución dos horarios. Tamén se ofrecen clases para os máis cativos, aqueles que estean entre unha idade comprendida entre os catro e sete anos poderán cursar unha ensinanza especializada na iniciación á música -con exercicios sinxelos e prácticos de percusión- .
Dende o 2019 incorporouse un curso de formación especializada adaptada a persoas con discapacidade, na cal se imparten principalmente clases de música popular.
A inscipción poderase realizar vía online a través do correo electrónico escolagaitasxinzo.dirección@gmail.com ou presencialmente no Concello de Xinzo de Limia e no centro oficial da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo. O formulario de inscripción está tamén dispoñible no Facebook oficial da escola.
O prezo da matrícula é de 50,15 euros no caso de elexir só unha materia, e de 75,23 euros no caso de elexir dúas. Non se recomenda escoller un número maior de asignaturas debido aos horarios e a saturación que pode xerar no alumnado e profesorado. Actualmente existen axudas para pago destas taxas, concretamente unha ordenanza municipal para familias numerosas que se pode consultar no propio Concello de Xinzo.
A adxudicación de prazas realizarase ata cubrir o aforo, e en caso de superalo o propio concello establecerá unha serie de requisitos- por exemplo estar empadroado en Xinzo de Limia- . Xeneralmente a escola soe ter unha demanda anual media de 170 alumnos.