NOTICIAS A LIMIA | Matriculación aberta durante todo o ano na Escola de Música da Limia
A Escola de Música da Limia -con sede no Concello de Xinzo de Limia- retoma a súa forza tras a crise pandémica e fai un chamamento a todos aqueles interesados en recibir unha formación musical recordando que os prazos de matriculación se manterán abertos durante todo o ano.
A academia figura coma un centro de Ensinanza Autorizado pola Xunta de Galicia -código 32020902- na cal se imparte formación musical regrada a mans dunha ampla variedade de profesorado especializado e titulado superior en música. O ano pasado contaban cun equipo completo de 16 mestres na escola.
O obxectivo é dotar aos inscritos dunha formación máis disciplinada e completa que nos conservatorios, ademais de reunir ao alumnado en diversos grupos e formacións oficiais da escola. De media anual, a academia soe acoller a uns 210 alumnos matriculados en varias modalidades e actividades.
No tocante ás formacións constituídas na academia, a máis destacada é a Agrupación Musical da Limia, a cal xa conta cunha experiencia de máis de 15 anos impartindo concertos de música clásica e adaptacións de temas modernos por toda Galicia. Tamén sobresae a Tradiband, unha banda conformada por instrumentos tradicionais e dirixida por Isidro Vidal -titulado superior na especialidade de gaita- . Os máis pequenos conforman a banda infantil Chikiband ou o Coro infantil, e os amantes do canto clásico teñen a opción unirse á Coral.
Os inscritos poderán desfrutar de clases individuais e especializadas no instrumento musical que desexan tocar -neste caso ofrecen formación en diversos instrumentos coma piano, acordeón, canto, percusión sinfónica e tradicional, guitarra...- Existen outras ofertas educativas coma o curso de DJ e produción musical, clases específicas centradas en armonía ou linguaxe musical, e mesmo un servicio de orientación para aqueles que se desexan iniciar noutros instrumentos ou cambiar de especialidade. A academia tamén da clases de apoio para preparar o acceso ao grao superior ou ao profesional de conservatorio.
Para aqueles nenos que teñan unha idade comprendida entre os tres e cinco anos, o centro pon á súa disposición de xeito totalmente gratuito un curso de música e movemento para iniciarse na educación musical.
A matrícula pódese realizar de xeito telemático dende un link específico colgado en redes sociais coma Facebook- e, en caso de ter algunha dúbida, ponse a disposición do público o teléfono do director da escola J.L. Tielas Santiago -607 07 26 53- e o correo electrónico do centro escolademusicadalimia@gmail.com.
O prezo por inscrición é de 50 euros. Haberá que aboar mensualmente 45 euros por catro clases semanais nas que se incluirá a clase individual de instrumento, linguaxe musical e teoría da música, unha clase colectiva de banda ou orquestra e unha clase colectiva de coro.
No tocante á adxudicación de prazas, calquera persoa será aceptada dentro da escola sen exclusión algunha. O centro encargarase de ir contratando ao profesorado necesario según a demanda existente.