NOTICIAS A LIMIA | O complexo deportivo A Moreira de Xinzo contará cunha senda peonil e un carril bici
O Concello de Xinzo de Limia acaba de establecer un convenio coa Secretaria Xeral para o Deporte e a Deputación de Ourense co obxectivo de construír unha senda peonil e un carril bici nos accesos ao complexo deportivo a Moreira.
Son moitos os mozos e mozas os que acoden diariamente a pé ata o espazo comunitario para practicar algún tipo de deporte, un tramo que resulta perigoso debido aos problemas de accesibilidade. É por iso que o concello ve convinte asegurar e preservar a seguridade viaria dos asistentes mediante a mellora do entorno viario.
As obras comezarán de xeito inmediato este luns e consistirán na reestructuración e renovación das entradas e saídas ao complexo. Realizaranse traballos de demolición, limpeza e nivelación para poder construír un camiño peonil duns 700 metros e un carril bici. Tamén se quere perfeccionar o firme dos viais anexos e engadir un novo sistema de iluminación.
O proxecto ten un orzamento de máis de 350.000 euros, dos que o Concello de Xinzo aporta 133.000 euros, a administración autonómica 67.307, e a entidade provincial uns 150.000.