NOTICIAS A LIMIA | Gonzalo Caballero chama á participación dos militantes de Xinzo na votación das primarias
O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero, realizou onte dous encontros coa militancia do seu partido no Concello de Xinzo de Limia e no Concello de Celanova. As visitas déronse xusto no día no que arrancaba oficialmente a campaña das primarias.
Na sede de Xinzo, o político chamou á participación dos seus militantes na votación do vindeiro 30 de outubro, resaltando o xeito de facelo "en liberdade" e "sen presións por parte de ninguén". Tal como comentaría posteriormente, "é a militancia a que manda".
Gonzalo Caballero falou das gañas e ilusión que lle provoca ver aos seus afíns avanzando cara un camiño de progreso en Galicia. "Vexo una maioría que quere avanzar pola esquerda, avanzar no galeguismo, avanza no feminismo, avanzar no ecoloxismo e avanzar no compromiso ético".
Tamén aproveitou para destacar o orgullo socialista dos compañeiros e compañeiras do partido que levan anos loitando na provincia de Ourense contra o "caciquismo do PP", e reclamou o apoio do seu partido que confronta ao de Baltar.