NOTICIAS A LIMIA | Hugo Pérez fai historia: primeiro limiao en xogar coa Selección Galega
A Selección Galega Sub-12 disputará esta fin de semana o Campionato de España de Seleccións Autonómicas e haberá un limiao nas súas filas. Hugo Pérez, xogador das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo, é un dos convocados para participar representando ao combinado galego nos encontros fronte a Madrid, La Rioja, Aragón e Extremadura. "Quedei moi contento cando me enterei da noticia", conta este rapaz de 12 anos.
Esta convocatoria é importante para el e a súa familia, pero tamén para o deporte base de Xinzo. Hugo Pérez converteuse no primeiro limiao en ser convocado pola Selección Galega e esta fin de semana viaxará a Madrid xunto a outros 13 compañeiros pertencentes a diferentes clubs de toda a comunidade. Ademais, é un dos tres xogadores que participarán representando a equipos da provincia de Ourense. "Estou ben, pero tamén algo nervioso", recoñece.
Xogará na capital do país contra as seleccións de Madrid, La Rioja, Aragón e Extremadura
Mónica Salgado, nai de Hugo Pérez, asegura que "estamos moi contentos porque para nós é un orgullo enorme". Esta convocatoria premia todo o esforzo deste mozo de 12 anos, pero tamén o da súa familia que sempre o acompaña e o apoia. "Traballou moito para conseguilo", destaca. A paixón polo fútbol non o aparta dos estudos e organízase para poder facer todo e sempre contará co respaldo dos seus pais. "O que máis queremos é que o pase ben e desfrute cos seus compañeiros", engade Salgado. Pérez recoñece que é "bastante difícil" compaxinalo, pero é consciente da importancia de sacar tempo para estudar e seguir desfrutando do deporte.
No mundo do fútbol adentrouse dende pequeno, facendo probas co Celta na categoría de Prebenxamíns. Co club vigués ten participado en torneos e compaxínao xogando cos equipos da E.D.C de Xinzo, onde se atopa agora na categoría Alevín. A súa posición no campo tena clara, "eu xogo onde me poñan". Pese a iso, normalmente é medio ou dianteiro centro.
A convocatoria deste mozo é un exemplo do poderío que ten o deporte base en Xinzo, onde hai numerosas formacións e non só de fútbol. "Ten un gran mérito o esforzo que fan todos, porque non deixan de ser nenos e sempre dan o mellor deles mesmos", destaca Salgado sobre esta rapazada que traballa cada día polos estudos, pero tamén pola súa paixón deportiva.