NOTICIAS A LIMIA | Dúas nenas de Xinzo e Vilar de Barrio, premiadas nun concurso sobre os avós
Claudia Urones, alumna do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo; e Lucía López, estudante do CEIP Vilar de Barrio; son dúas das premiadas no concurso escolar promovido polo Observatorio contra a Discriminación do Maior da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, no que colaborou a xefatura territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta.
Case 3.000 traballos se presentaron neste certame que busca contribuír a desbotar entre o alumnado de Educación Primaria, prexuízos e estereotipos sobre as persoas maiores, que afectan ao seu benestar e limitan os seus dereitos. Baixo o título "Meus avós, mestres da vida", os nenos e nenas dos colexios ourensáns participaron neste concurso con seus debuxos que están expostos no CHUO.
A entrega dos diplomas aos premiados tivo lugar este xoves, coincidindo co Día Internacional contra o Maltrato e o Abuso na Vellez. Os alumnos premiados pertencen a nove centros educativos da provincia, entre os que se atopan o Rosalía de Castro de Xinzo e o de Vilar de Barrio. O traballo de Claudia Urones recibiu o primeiro premio do terceiro ciclo de Primaria, mentres que o de Lucía López foi o cuarto premio do primeiro ciclo.
Os rapaces gañadores de cada categoría, ademais dos diplomas, tamén recibiron unha tableta electrónica agasallada pola empresa ourensá de tecnoloxía Miniprice. O xurado estivo composto por integrantes do grupo de teatro afeccionado para maiores "Aturuxo", co que a área sanitaria xa ten colaborado noutras campañas de sensibilización contra o idadismo.
Este termo refírese á discriminación implícita en prexulgar e estereotipar a unha persoa en función da súa idade, contribuíndo á percepción negativa da idade avanzada, invisibilizando socialmente ás persoas maiores, minusvalorando a súa autodeterminación, formación, capacidades e dereitos. Unha de cada dúas persoas ten actitudes idadistas, segundo un informe das Nacións Unidas, que alerta sobre como esta discriminación por idade, pode empobrecer a súa saúde física e mental, ademais de reducir a súa calidade de vida.
Nesta liña, a Organización Mundial da Saúde (OMS), no seu recente informe mundial sobre idadismo, insta aos países e institucións a actuar e tomar medidas de tipo interxeneracional. Con esta iniciativa, a sanidade e a educación pública de Ourense actúan ante este problema e introdúceno no debate escolar, aproveitando o vinculo entre netos e avós.