NOTICIAS A LIMIA | As Olimpíadas Rurais Interpobos regresan o 2 de setembro a Xinzo
No verán de 2022, as Olimpíadas Rurais Interpobos colleitaron un gran éxito de participación, polo que o vindeiro 2 de setembro retornarán a Xinzo para celebrarse de novo. A xornada, que terá lugar na Alameda do Toural, será un día de convivencia, dinamización e a inclusión social.
O evento está organizado polo CDR O Viso, en colaboración co colectivo RAS, e contará con varias probas deportivas como un duatlón (bicicleta e carreira a pé), carreira de velocidade ou lanzamentos, pero tamén haberá xogos populares, entre outras. Estas actividades levaranse a cabo dende as 10:00 ata as 21:00 horas, con descanso para o xantar e con entrega de premios ao remate.
Os grupos participantes, ao igual que na anterior edición gañada polo equipo de Vilar de Santos, terá que estar formado de 6 a 12 integrantes, sendo imprescindible que sexan mixtos e tratando de equiparar o máximo posible o número de homes e mulleres.
Esta actividades, na que os organizadores traballan dende o inicio do verán, enmárcase no Programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia; así coma coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia.