Subdelegación e Concello dan conta do Plan de Autoprotección

NOTICIAS A LIMIA | Drons e "puntos violeta" para un Entroido de Xinzo sen violencia

Emilio González Afonso, o subdelegado do Goberno, con Amador Díaz, o rexedor, presidindo a Xunta de Seguridade Cidadá. | FOTO: Noelia Caseiro.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, copresidiron este luns a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se realizou unha análise da seguridade cidadá, e se estudaron as medidas do Plan de autoprotección do Entroido dada a relevancia, declarada de interese turístico internacional, e proximidade desta festividade xa que se trata do Entroido máis temperá, comezando o 20 de xaneiro.


En canto á seguridade cidadá, Emilio González sinalou que “o índice de criminalidade en Xinzo de Limia mantense dentro dos niveis normais”. González puxo en valor a “colaboración e a coordinación nas actuacións” tanto da Policía local da vila como da Garda Civil e salientou o traballo das forzas e corpos de seguridade do Estado xa que grazas á súa labor posibilitaron o aumento considerable no esclarecemento de delitos deste ano.

No relativo ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, no concello de Xinzo de Limia, o IES Cidade de Antioquía solicitou entrar no programa.
 


Entroido de Xinzo

No tocante ao Entroido, o Subdelegado solicitou a máxima colaboración doutras administracións, en especial da Xunta de Galicia, coa policía autonómica; así como a colaboración cidadá para o correcto desenvolvemento destes días de festas dado as grandes aglomeracións que se esperan.

Para unha maior seguridade e información, instalaranse distintos Puntos Violeta móbiles polo concello que se reforzarán co uso de drons. Ademais, nas proximidades de Praza Maior instalarase un vehículo da Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega), co Posto de Mando Avanzado para coordinar os equipos de intervención integrados por membros do parque de bombeiros de Xinzo de Limia, axentes da Policía Local, da Garda Civil de Seguridade Cidadá e de Tráfico, da Policía Autonómica, voluntarios de Protección Civil e do dispositivo de emerxencias sanitarias, no que tamén estará presente a Cruz Vermella

Na Xunta estaban representandos todos os corpos de Seguridade do Estado, e tamén membros de Protección Civil de Xinzo de Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.

Pola súa banda, o alcalde, Amador Díaz, explicou as medidas do "plan de autoprotección" realizado polo Concello e as forzas de seguridade e que extenderanse dende o "petardazo" ata os días de entroido.

Esta será a primeira das Xuntas de seguridade que o subdelegado presidirá esta semana. Nos vindeiros días celebrarase en Verín cubrindo e analizando as medidas de proteccións que se levarán a cabo nas grandes vilas do Entroido.