NOTICIAS DA LIMIA | O Meco colga na praza, o Entroido revive
"Que a aguillada te acompañe por moitos anos, Suso, nas túas andainas e vivencias por estes mundos..." Foi Suso, o encargado este ano de colgar o Meco este segundo sábado do ciclo en Xinzo. Cunha chaqueta de pana e sombreiro de palla, foi Suso o que subiu o carro e levantou o boneco até arriba de todo entre golpes de tambor e ánimos da xente.
Antes, as carozas e o touro foron despexando a praza Maior para deixar paso á procesión que comezou na praza de Oriente pouco antes das oito da tarde. Houbo fachóns dabondo, ou pode que menos xente que outros anos para levalos. Adriana, a presidenta da Comisión do Entroido, animaba ás veciñas: "Quen queira fachóns, que vaia atrás!".
A comitiva co Meco moi serio sentado na cabeza do carro tirado polas corozas máis fortes pasaba lenta entre ducias de veciñas e veciñas, e moitos cativos ataviados con traxes tradicionais ou roupas labregas. "Hai que facer dúas ringleiras. Dúas! Sen ninguén no centro!", repartía ordes aos portadores dos fachóns un home que ía e viña rápido adiante e atrás para que a cousa arrancase.
Arrancou e os fachóns foron prendendo. O fume cubriu as rúas estreitas do casco vello, con moita xente na rúa e moi pouca nas fiestras. Xinzo reviviu o seu Entroido máis tradicional coas familias, con nenas e nenos, mesmo en carriños. Enchéronse os viños e encheuse a praza. Centos de teléfonos móbiles gravaron o paso da comitiva.
Os fachóns debuxaron un círculo arredor do pau e o Meco alí, serio na espera, resignado ao seu papel de testemuña muda da festa.
Houbo gaitas e tambores. Música de principio a fin até que o home que repartía ordes subiu o carro e pediu que as carozas parasen no seu trote campanil. Os fachóns debuxaron un círculo arredor do pau e o Meco alí, serio na espera, resignado ao seu papel de testemuña muda da festa. Calaron as gaitas.
A comitiva co Meco moi serio sentado na cabeza do carro tirado polas corozas máis fortes pasaba lenta entre ducias de veciñas e veciñas, e moitos cativos ataviados con traxes tradicionais ou roupas labregas.
Unha muller ataviada con traxe galego leu un texto de agradecemento á persoa distinguida este ano coa honra de colgar o Meco. Suso, o afortunado, esperaba atento ao pau. Suso saudou coa aguillada e despois subiu o carro e colgou o Meco. O ceo, que antes do comezo da procesión ameazaba chuvia, despexouse como a praza no momento da cerimonia.
"Xa temos o Meco colgado, xa podemos marchar que vai frío", comentaron dúas veciñas, xa maiores. Os pais e os nenos aguantaron un pouco máis. Despois quedaron as mozas e mozos e os máis trouleiros. A festa revive. A xente quere Entroido. O Meco, resignado, di que veña... mañá asistirá desde o alto do pau ao xogo das olas.