NOTICIAS A LIMIA | Alumnado do obradoiro de emprego arranxa a pavimentación e as beirarrúas no parque do Pombal
O goberno municipal de Xinzo emitiu esta tarde unha nota de prensa para dar conta da intervención no parque do Pombal. Un grupo de alumnas e alumnos do obradoiro de emprego Vía da Prata están a acondicionar as beirarrúas e a arranxar a pavimentación das lousas, mentres outro grupo, o de xardinería, ocúpase de plantar distintas especies ao redor da estatua.
A alcaldesa, Elvira Lama, o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, e do edil de Infraestruturas, Rafa Penabad, visitaron as obras esta mañá. A alcaldesa lembrou que esta intervención do obradoiro que Xinzo comparte con Sandiás está dentro das actuacións previstas no Camiño de Santiago, e que proximamente se acometerá outra máis ambiciosa.
Entre outros proxectos do obradoiro está a rehabilitación dunha zona que serve como depósito de entullos entre o parque da Seara e a estrada de Baltar. A idea é converter ese espazo nunha área de ocio que incluirá un banco no desnivel para punto de parada dos camiñantes e tamén para reunións ao aire libre.