A ruta, circular, pasará pola Torre de Pena e Trandeiras e contará con miradoiros e estatuas

NOTICIAS A LIMIA | Amador Díaz presenta a Ruta da Portela, 27 quilómetros para descubrir a paisaxe de Xinzo

Amador Díaz, concelleiro de Medio Rural, este xoves no punto de inicio da nova ruta. | FOTOS: Noelia Caseiro.

O Concello de Xinzo de Limia asumiu con fondos propios todo o gasto (uns 40.000 euros) para acondicionar a Ruta da Portela, un camiño por pistas e sendeiros que parte do Toural, en Xinzo, xunto ao Limia, e percorre os montes de Boado e Piñeira antes de regresar ao Limia. Serán 27 quilómetros que xa están acondicionados para camiñar case na súa totalidade e que a concellería de Medio Rural pretende inaugurar cunha andaina nas primeiras semanas do mes de agosto.


A Ruta da Portela era unha actuación na que leva tempo Amador Díaz (AXIL), concelleiro de Medio Rural, e que se atrasou pola necesidade de tramitar os permisos diante da Consellería de Medio Rural, responsábel da ordenación dos montes, e do organismo de bacía, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). A Ruta incluirá dúas áreas de miradoiro. Unha, máis pequena, nun banco que se instalará en Baronzás, con vistas de Xinzo; e a outra, máis ampla, preto do Mosteiro de Trandeiras que permitirá unha visión da gran parte da Limia, desde a Veiga de Ponteliñares a Sarreaus.   


Outra peculiaridade da Ruta serán tres estatuas que sinalarán o camiño e que representan tres tipos de habitantes da Limia en determinado momento histórico. Serán as figuras dun pescador de ras ao carón do Limia, unha labrega e un monxe nun tramo xunto ao Mosteiro de Trandeiras.


O camiño servirá para promover o paseo desde Xinzo e desde núcleos próximos á ruta, como Morgade, Boado, Baronzás ou Piñeira Seca. “Deseñouse nese sentido de norte a sur até completar o círculo pensando en que faga tamén por tramos: un tramo até a Pena, outro até Trandeiras, os tramos á beira do Limia”, explica Amador Díaz este xoves xunto a sinal de partida da ruta no parque do Toural. E subliña: “É un paseo cómodo, por zonas arboradas e con moita sombra e que porá en valor dous elementos senlleiros de Xinzo como son a Torre de Pena e o Mosteiro de Trandeiras”. Dous elementos sobre os que o goberno local ten en marcha (no caso da Torre) ou en proxecto (no do Mosteiro) “intervencións ambiciosas”, puntualiza Díaz.

Roza vexetación paseo do río en Xinzo, este xoves.

Hai apenas un mes, o pasado 20 de xuño, durante unha visita do presidente da  CHMS, o goberno local, con Elvira Lama (PSOE) e o propio Amador Díaz á cabeza, tivo que explicar o estado da vexetación dos paseos xunto ao río. Un mes despois, o concelleiro de Medio Rural dá conta das actuacións do seu departamento levadas a cabo na zona urbana.

“Estes tramos urbanos do río, rozáronse até onde nós podemos, porque as beiras son competencia da CHMS, pero si que se limparon os paseos. Tamén, previo ás festas, rozáronse os accesos á vila. Na Lagoa fíxose unha pasada nas pistas de concentración e está pendente outra”, explica Díaz. 

“Nos núcleos, resta por facer a limpeza manual nas Queirogás, Mosteiro, Novás, Mosteiro de Novás, Lamas e Damil. E, polo que respecta ás rozas co tractor faltan Novás, Mosteiro de Novás e Lamas. E, en canto a espazos grandes, só queda o de Laroá. Os tractores están traballando os dous e ás veces os tres cada día. Hai que entender que moito traballo que se fixo, coas chuvias que viñeron, o terreo volve estar como estaba e teremos que dar outra pasada”. 

Tractor rozando as gabias na pista de Morgade esta semana.

LUMES
A respecto da ameaza dos incendios, que tantos estragos están a provocar en Monterrei e en Valdeorras, entre outras comarcas, Amador Díaz di que se manteñen alerta, “aínda que é característico desta comarca que non haxa lumes até despois da sega do cereal”. A sega rematará a mediados de agosto. “Os montes hoxe son un perigo. Mesmo nesta Ruta da Portela temos tramos que xa se rozaron e hai que volver sobre eles, pero non agora, porque a seca é terríbel e os propios traballo poderían provocar un incendio”.