NOTICIAS A LIMIA | A Arca da Noe acollerá oito concertos tradicionais dentro do programa “Música en Salas”
A Arca da Noe de Vilar de Santos súmase, durante os meses de novembro e decembro, ao novo programa de concertos musicais “Música en Salas". Unha proposta organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Asociación Clubturades, en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo-Clubtura e Músicas ao Vivo.
O programa ten coma obxectivo impulsar a recuperación das actividades nos locais de música ao vivo en toda a comunidade galega. Para isto, a iniciativa acollerá a 19 locais que levarán a cabo un total de 135 concertos, e que contarán coas actuacións duns 115 artistas.
A taberna e sala de concertos da Arca da Noe ofrecerá oito concertos dende este venres 19 de novembro ata o 17 de decembro. Na maior parte dos espectáculos predominarán os sons tradicionais.
Belém Tajes Trío, formación liderada pola ex - vocalista de Luar na Lubre, iniciará o programa "Música en salas" este venres ás 21,30 h. Estará acompañada por Cibrán Seixo -ao violín- e por Nico Vieites -á guitarra- . No concerto fará un percorrido musical polas súas orixes galegas e arxentinas, arroupada por ritmos pop e folk.
Un día despois, o sábado 20, actuará o dúo Acordeireta. Formación integrada por Patricia González -acordeón- e Alejandro Balbuena -pandeireta-. Tocarán un repertorio que promove a lingua e cultura galegas.
O domingo cinco de decembro, Marcelo DoBode, traerá o seu proxecto musical no que eleva os elementos tradicionais á categoría de vangarda. Ao día seguinte será a quenda do dúo Jásper e Nébeda, o cal traerá unha proposta inspirada nos ecos da canción protesta galega dos anos 70 e 80.
O oito de decembro poderase desfrutar do grupo Habelas Hainas, formación de música tradicional e feminista. O día 11 contarase coas composicións intimistas de folk e pop do artista, Secho. Na xornada do día 12 visitará A Arca, Risco, mestre incuestionable do vibráfono. Finalmente, o 17 de decembro despedirá o programa, Paraíso Canto, cunha actuación inspirada na tradición oral e con ritmos e sons doutras culturas.