NOTICIAS A LIMIA | A Axencia Galega de Emerxencias volverá montar un mando avanzado o Sábado de Entroido en Xinzo
Como hai dous anos, o Sábado de Entroido, a Axencia Galega de Emerxencias volverá montar en Xinzo un punto do mando avanzado do operativo de seguridade. Será entre as 22:00 do sábado 26 e as 06:00 horas da madrugada do domingo 27. E haberá un dispositivo especial de ambulancias e servizo sanitario, ademais de forzas de seguridade.
Esta mañá celebrouse con Concello de Xinzo de Limia a reunión preparatoria desde dispositivo, que intenta dar resposta aos problemas derivados da masiva afluencia de público á festa grande de Xinzo.
Na reunión, presidida pola alcaldesa, Elvira Lama, xunto ao concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, participaron mandos da Policía Local, Protección Civil, os Bombeiros, a Garda Civil así como técnicos da propia Axencia Galega de Emerxencias e o redactor do plan de seguridade.
O sábado 26 o centro quedará pechado ao tráfico rodado a partir das 18:00 horas. O camión da Axega 112 quedará instalado nun enclave céntrico desde onde se coordinará un dispositivo de ambulancias, médicos e enfermeiros que poidan intervir nas urxencias que se vaian producindo durante a noite.
Hai dous anos, no 2020, a Axega montou o mesmo operativo en Xinzo. Fontes do Concello explican que a experiencia deu resultado e que se puideron atender casos como intoxicacións etílicas ou traslados por outros motivos ao centro de saúde durante a madrugada, mais non se rexistrou incidente grave ningún.
As dúas primeiras fins de semana do ciclo do Entroido trouxeron menos público que anos anteriores á vila. E tampouco se espera que mañá e pasado, co Corredoiro, vaia cambiar a tendencia. Mais de cara ao Sábado de Entroido, en previsión dunha maior afluencia, o Concello quere extremar as precaucións.