No accidente, no cruce coa estrada de Baltar, non se produciron feridos

NOTICIAS A LIMIA | Choca contra un vehículo estacionado na avenida de Madrid en Xinzo

Os bombeiros chegan ao accidente de tráfico na avenida de Madrid. | FOTO: DdL

Un accidente de circulación na avenida de Madrid en Xinzo de Limia mobilizou a primeira hora desta tarde a unha unidade da Policía Local, Protección Civil e dúas unidades dos Bombeiros de Xinzo. No sinistro víronse implicados dous turismos. Non se produciron feridos.


A intervención dos Bombeiros foi precisa para limpar a vía dos restos do choque e a beirarrúa, onde quedaron tirados dous colectores e o lixo como consecuencia do impacto dun dos vehículos.


Ao parecer, un dos turismos, que circulaba en dirección de entrada, sufriu unha saída de vía e golpeou os colectores e un vehículo estacionado na zona de aparcadoiro. O impacto provocou a rotura da defensa traseira do turismo estacionado, e ademais a rotura da defensa dianteira e outros danos no vehículo que saíu da vía.


O tráfico na avenida de Madrid apenas sufriu alteracións e minutos despois do accidente, que tivo lugar no cruce da N-525 coa avenida de Portugal (estrada de Baltar), foi restablecida a normalidade.

Colectores sobre a beirarrúa. | FOTOS: DdL