Elvira Lama inaugura unha exposición sobre a emigración galega no século pasado organizada por Abanca para axudar ao Banco de Alimentos

NOTICIAS A LIMIA | Cultura por alimentos

Elvira Lama, esta mañá na Casa da Cultura. | FOTO: Noelia Caseiro.

Na Casa da Cultura, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, acompañada por representantes da entidade financeira Abanca, encabezados por Mateo Alonso, coordinador institucional de Abanca na provincia de Ourense, inaugurou esta mañá unha exposición de fotografías alusivas a emigración galega nos anos centrais do século pasado. 


As fotografías pertencen á Axencia EFE, fundada polo franquismo a principios de 1939, durante a Guerra Civil. Son unha serie de imaxes de estacións de trens, maletas e multitudes nos anos centrais do século pasado, un breve relato da expulsión de milleiros de homes e mulleres. Un drama cotiá que marcou e marca o país. 


“Estas fotografías reflejan lo que llevamos la mayoría de los gallegos en el ADN”, dixo a alcaldesa. E despois engadiu: “Xinzo es tierra de emigración y queremos ser tierra de acogida, recordando nuestro pasado que está en esas fotografías”.


A exposición estará no baixo da Casa da Cultura até mediados de xuño. E servirá como reclamo para que a veciñanza colabore co Banco de Alimentos de Xinzo. Alí mesmo poderán depositarse alimentos non perecedoiros:“Cultura por alimentos”, resumiron desde Abanca.


A alcaldesa recordou que o Banco de Alimentos fai reparto de alimentos varias veces durante o ano ás veciñas e veciños necesitados. E rematou agradecendo a Abanca que trouxera a Xinzo a mostra e a iniciativa solidaria. 


O representante da entidade financeira lembrou que Abanca está colaborando cos concellos medianos e pequenos desde o 2016 para lles levar exposicións como esta. E sostivo: “los gallegos siempre hemos sido emigrantes, y quizá los jóvenes se puedan sorprender de lo que ocurría antes para desplazarse en barcos o aviones, y también para los mayores, a quienes les traerá recuerdos”.


Mateo Alonso convidou á veciñanza a visitar a mostra e tamén “a colaborar con alimentos”.