Organizan charlas en diversos concellos

NOTICIAS A LIMIA | A Escola Rural de Saúde visibiliza ás mulleres ao longo deste mes

Charla sobre a visibilización das mulleres na medicina impartida en Sarreaus.

A Escola Rural de Saúde da Limia está levando a cabo unha serie de charlas para visibilizar ás mulleres en diversos ámbitos, con especial atención á medicina. As conferencias, que comezaron o pasado día 8 con motivo do Día Internacional da Muller, estanse desenvolvendo en Xinzo, en Ganade, en Arnuide (Vilar de Barrio) e en Sarreaus.

Esta semana comezaron cunha nova actividade en Ganade, na que se falou de visibilizar ás mulleres para a medicina e dándolle á saúde unha perspectiva de xénero, xa que nas enfermidades consideradas femininas estanse detectando erros nos diagnósticos que son aceptados polos profesionais médicos e da investigación. Por iso, esta charla serve para reflexionar sobre como os prexuízos de xénero influíron de xeito negativo na saúde das mulleres. Estas actividades sobre o papel da muller atópanse dentro do Proxecto Camiños pola Igualdade 2023, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade.

Varias localidades limiás xa acolleron esta charla e este mércores chegará ao Centro de Información á Muller de Maceda, onde a Escola Rural de Saúde da Limia falará sobre as mulleres e a medicina ás 17:00 horas. A intención desta organización é seguir levando esta iniciativa a outras localidades da provincia para continuar o "proceso de cambio, tanto en la investigación científica y profesionales de la salud, como en la comprensión de las mujeres como potenciales pacientes en la relación con sus cuerpos, transformando las propias actitudes y tomando decisiones con conocimiento y criterio".

Á marxe desta charla, na Casa da Cultura de Xinzo tamén ofrecerán diversas conferencias ao longo das vindeiras semanas. O xoves, a Aula 2 acollerá ás 18:00 horas unha charla sobre Isabel Zendal, considerada a primeira enfermeira da historia nunha misión humanitaria internacional pola Organización Mundial da Saúde. Mañá, en Arnuide, tocará esta mesma charla sobre Zendal e o 20 de marzo impartirase en Ganade.

O 23 de marzo, tamén á mesma hora, terá lugar outra sobre Rosalía de Castro e a súa importancia para a cultura e a emigración. Para participar nelas é preciso unha inscrición previa que se pode facer na Escola Rural de Saúde da Limia, no teléfono 603 78 44 65 ou no correo escolaruraldesaudedalimia@yahoo.es.

Programación de actividades deste mes en Xinzo da Escola Rural de Saúde da Limia.