NOTICIAS A LIMIA | A estación de Calvos de Randín volve marcar a mínima en Galicia: -6,9º
A Limia, e Verín na comarca de Monterrei, volveron rexistrar os valores mínimos de temperatura este xoves segundo informa MeteoGalicia. Despois de que onte Xinzo marcase a mínima no país, hoxe é Calvos de Randín, cun rexistro aínda máis baixo (-6,9º, medidos na estación de MeteoGalicia no termo municipal) o concello galego coa temperatura máis fría. En calquera caso, os rexistros en Xinzo tamén estiveron na tendencia da semana. Hoxe, -5,7º; mentres que en Baltar chegouse a -4,2º.
A predición para os próximos días é que remita algo o frío, mais os rexistros seguirán por baixo dos 0º. Así, MeteoGalicia informa que nos Blancos, Baltar e Trasmiras a temperatura mínima podería alcanzar os -3º mañá e pasado mañá; mentres en Xinzo, Sandiás e Vilar de Barrio estará arredor dos -2º, e Sarreaus podería baixar até os -4º. Porén, Calvos tería unha fin de semana con menos frío que estes días pasados, con mínimas arredor dos 0º.
Temperaturas en todo caso normais para esta época do ano. Con tempo seco e ceos despexados, e xeadas que dificultarán a mobilidade por estrada a primeira hora do día.