NOTICIAS A LIMIA | LIMISI inicia o seu mercado solidario de mobles de segunda man en Xinzo
A Organización de Diversidade Funcional LIMISI acaba de anunciar a apertura dun mercado solidario de venda de mobles de segunda man no Concello de Xinzo. Unha iniciativa de autofinanciamento que ten coma obxectivo a recaudación de fondos para o mantemento das actividades da sociedade.
Antes da crise pandémica, a asociación organizaba anualmente un mercadillo dun día duración que tiña lugar nunha das diversas prazas públicas da vila. Nel ofrecían produtos variados de segunda man, coma roupa, libros, xoguetes, mobles, electrodomésticos... A antiga edición viuse suspendida por mor do coronavirus, polo que nesta nova tempada decidiuse realizar unha nova versión ante a gran cantidade de stock dispoñible. Neste mes de novembro, o mercado estará adicado soamente á venda de mobles. Se o evento goza de grande éxito, poderíanse realizar outros novos nos vindeiros meses.
Os produtos expostos son todo doazóns realizadas á organización por parte de veciños de Xinzo e arredores. Os prezos de venda poderán ir dos cinco euros ata os cincuenta -nunca superarán esta última cifra- . Cada ingreso contribuirá ao financiamento das actividades da entidade.
O lugar do evento atópase na rúa San Sebastián, nº 43, de Xinzo. Permanecerá aberto ao público todos os mércores deste mes de novembro de 10:30 a 13:30 horas, e de 15:00 a 17:00 horas. Todos os traballadores do mercado forman parte do programa de formación dos usuarios do centro ocupacional de LIMISI.