NOTICIAS A LIMIA | Normas básicas para a Cabalgata de Reis mañá en Xinzo
A Cabalgata dos Reis Magos de mañá mércores (18.00 horas) celebrarase no interior do Pavillón de Deportes. Será unha cabalgata estática, coa carroza na pista do complexo deportivo e o público circulando a través dun circuíto desde o exterior, pasando polas gradas e rematando na pista, onde estará a carroza dos Reis Magos.
A celebración desenvolverase entre as 18 e as 20 horas, para dar tempo a que o máximo número de nenas e nenos participen no evento. Un dispositivo de Protección Civil recibirá o público ás portas do Pavillón. Haberá que levar máscara, utilizar os xeles hixiénicos e presentar o certificado de vacinación (os maiores). O público accederá á grada e o dispositivo de seguridade indicará en que momento e en que cantidade pode acceder á pista.
Na pista o circuíto ofrecerá espectáculos circenses, entre eles malabares e zancos, até chegar á zona da carroza onde os Reis Magos atenderán os nenos.
Media ducia de persoas participan na organización do evento, que durante a mañá deste mércores acondicionará o interior do Pavillón e preparará as medidas sanitarias.