O mecanismo, inoperativo desde o Entroido de 2020, non puido ser reparado a tempo

NOTICIAS A LIMIA | Unha pantalla LED substituirá o reloxo (avariado) na conta atrás do Petardazo

O reloxo do Entroido, este venres. | FOTO: Noelia Caseiro.


 

O Entroido 2022 comezará mañá sábado na praza Carlos Casares cun Petardazo menos tradicional do que os entroideiros quixeran. A animación na rúa limitarase ao máximo e as autoridades civís e sanitarias aconsellan evitar no posíbel as aglomeracións. A estas circunstancias engadiuse finalmente a imposibilidade de reparar a tempo o reloxo da conta atrás para o Petardazo.

A reparación iniciouse a semana pasada nas mesmas instalacións da Casa da Cultura, mais a maquinaria, que levaba sen uso desde o Entroido 2020, o último que se celebrou, precisou dunha posta a punto que os operarios encargados polo Concello non foron quen de rematar a tempo.

Este mesmo venres, anunciouse a través das redes sociais que mañá pola mañá se instalará unha pantalla LED na praza para que as asistentes teñan unha referencia para esa conta atrás que abre o ciclo do Entroido ás 00:00 horas da madrugada do Domingo Fareleiro.

Este ano tampouco haberá chupinazo, segundo anunciaron o Concello de Xinzo e a Comisión do Entroido, mais a festa iniciarase por fin este sábado despois dun mes de dúbidas, reunións e preocupación pola evolución da covid na comarca e na provincia. 

A publicidade institucional dunha festa que está declarada de Interese Turístico Internacional tamén se limitou ao máximo. O Petardazo de mañá, con nova tecnoloxía no contador, servirá de termómetro para calibrar a atracción de visitantes que terá esta edición do Entroido máis longo do país.

Anuncio nas redes sociais, este venres.