NOTICIAS A LIMIA | Pechada (de momento) a crise da San Roque
A reunión de onte na Casa do Concello entre a alcaldesa (acompañada polos concelleiros de Cultura e de Comercio) e un grupo de comerciantes da rúa San Roque serviu para pechar a pequena crise vivida esta semana desde que o luns, día de feira, amañecese con cinco pancartas contra os plans de peonalización do casco vello.
Esta mañá, cinco días despois, as pancartas foron retiradas. A alcaldesa, Elvira Lama, e comerciantes que asistiron á reunión coinciden en que o ton da mesma foi cordial. As partes achegaron posturas. A alcaldesa púidose explicar directamente coas veciñas. E estas saíron contentas coas explicacións. A rúa (e a praza) San Roque non sufrirán máis restricións ao tránsito rodado que as que xa estaban en vigor.
Ese foi o principal argumento do goberno municipal. Non está enriba da mesa cambio ningún porque nada vai cambiar. A rúa San Roque é peonil desde hai anos, permítese a circulación de vehículos a determinadas horas e o estacionamento está limitado. Todo foi unha mala interpretación por parte das comerciantes despois de escoitar e ler o que dixo a alcaldesa hai unha semana durante unha rolda de prensa no Concello á que só asistiu este medio, que transmitiu en directo a intervención completa de Elvira Lama.
O luns apareceron as pancartas e unha ampla maioría das e dos comerciantes das rúas Lepanto e San Roque coas que falou o Diario do Limia tiñan unha preocupación: temían que o goberno local fose pechar ao tráfico completamente estas rúas (aparcadoiros incluídos). E varias manifestaron que tiñan esa preocupación desde unha reunión na Casa do Concello a mediados do ano pasado da que saíran sen ter claro cales eran os plans da alcaldía e o seu equipo de goberno.
Despois dun par de días (este martes e este mércores) de declaracións desde o Concello, o xoves as comerciantes levantaron o teléfono aceptando o ofrecemento de Elvira Lama o día anterior. Pediron unha reunión. A alcaldesa tardou menos dunha hora en citalas.
Pola noite, unhas vinte comerciantes sentáronse no salón de plenos da Casa do Concello para escoitar a Elvira Lama. "Penso que saíron razoabelmente satisfeitas coas explicacións", comentou este venres a alcaldesa ao Diario do Limia. "A maioría saímos contentas co que escoitamos, si", confirman desde a outra parte.
As comerciantes remataron pedindo máis iluminación, barreiras metálicas máis decorosas e compromisos firmes, tan caros en política.
Lama insistiu en que a intención do grupo de goberno é conseguir que a cidadanía faga bo uso das prazas para aparcar no casco histórico, que non se abuse alongando o tempo de estacionamento. E repetiu que ese é o obxectivo da campaña que presentou hai unha semana. Está na man das e dos condutores evitar as sancións, di. Tamén volveu a dicir que para conservar en bo estado o pavimento é necesario restrinxir o paso de vehículos pesados (os do lixo, os do vidro, os máis grandes de reparto...).
As comerciantes, pola súa parte, reiteraron a súa preocupación. Precisan unha resposta clara. "Dámoslle un voto de confianza", admiten, "pero non sabemos o que pode pasar de aquí a uns meses, aínda non as temos todas connosco". A crise queda sen pechar de todo. Mais hai vontade polas partes. As comerciantes remataron pedindo máis iluminación, barreiras metálicas máis decorosas e compromisos firmes, tan caros en política.
Nas próximas semanas, o seguinte exame que debe pasar o plan do Concello para o casco vello é o reto que se marca esa campaña de sensibilización de condutoras e condutores que está en marcha ao mesmo tempo que a Policía Local empeza a traballar co seus novos dispositivos de vixilancia e sanción. Polo momento, San Roque non se pecha (máis).