NOTICIAS A LIMIA | Permanece ingresada no Hospital de Ourense a muller ferida por un fragmento de bala en Vilar de Barrio
A Comandancia da Garda Civil de Ourense informou esta tarde que a muller de 58 anos, veciña de Xinzo de Limia, ferida onte mentres paseaba polo monte en Vilar de Barrio permanece ingresada no Hospital de Ourense despois de ser operada para lle estraer os restos do proxectil.
Segundo a Garda Civil, ao redor das seis da tarde deste sábado a muller estaba dando un paseo por unha zona de caza no termo municipal de Vilar de Barrio cando recibiu o impacto nunha perna dun fragmento de bala, que disparou un cazador e rebotou e partiu antes de que un anaco terminase ferindo na extremidade á muller.
Os servizos de emerxencia trasladaron á muller ao Hospital de Ourense onde foi intervida e permanece hoxe ingresada con prognóstico leve. A Garda Civil cualificou o suceso como un accidente de caza.