NOTICIAS A LIMIA | A Segunda Edición da Feira da Pataca contará cunha xugada de vacas
No día de hoxe, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, presentaban dende unha leira de cultivo a Segunda Edición da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola. Un evento nado en 2019 que non puido celebrarse o ano pasado por motivos da pandemia.
A feira levarase a cabo este venres, sábado e domingo no Pavillón de Deportes Municipal e na explanada do Toural. Dentro do recinto deportivo agruparánse uns 34 expositores nos que se dará a coñecer diversos almacenistas agrarios, produtores locais da pataca, asociacións de agricultores, vendedores de maquinaria agrícola e mesmo casas de seguros especializadas no sector e bancos. Durante todo o día do venres e sábado, haberá diversas degustacións do produto local no pavillón. E o domingo, un chef especializado impartirá un taller sobre a pataca. Tamén se incluirán diversas actividades lúdicas coma concertos e actuacións, por exemplo, por parte da banda de gaitas. Coma sorpresa excepcional para este ano, o domingo pola mañá unha xugada de vacas percorrerá todo recinto co obxectivo de rememorar coma fai 30 anos os agricultores cultivaban e recolectaban ás patacas coa axuda dos animais.
A alcaldesa de Xinzo de Limia resaltou o gran papel que supón para a economía do concello o apoio ao cultivo local da pataca. E definiu coma o obxectivo principal da feira "darlle un pulo, unha importancia e unha relevancia a nosa principal actividade agraria como é a produción da pataca na Limia. Un sector que se constitúe como piar fundamental da nosa economía pero tamén de moitas familias que viven directa e indirectamente da agricultura".
Por outro lado, o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, alabou a boa calidade da colleita de pataca limiana deste ano e a gran capacidade de conservación coa que soe gozar, chegando a durar meses sen pudrir. Animou aos produtores a medrar e a seguir promocionando o produto local en toda a comunidade española. Tamén se centrou en destacar o exitoso relevo xeneracional que está tendo na Comarca da Limia e a súa contribución á creación de múltiples postos. O sector do cultivo da pataca está en auxe, é un negocio que está a xenerar moita riqueza.