NOTICIAS A LIMIA | Presentadas máis de 200 alegacións contra a LAT do Larouco a tres días do feche do prazo
A tres días do peche do período de exposición pública do proxecto da Liña de Alta Tensión do Larouco -once quilómetros de tendido eléctrico con torres de máis de corenta metros de altura que atravesa os termos municipais de Baltar e Xinzo- veciñas e veciños das aldeas afectadas, liderados polo Club Parapente Baltar, que aglutinou tamén a federacións e entidades deportivas galegas, portuguesas e españolas, e plataformas ambientalistas encabezadas por Stop Eólicos Xurés Celanova rexistraron xa máis de dous centos de alegacións contra o plan de Iberdrola.
O prazo para presentar alegacións remata este xoves, día 13 (día hábil para o rexistro). Os modelos de alegacións que están distribuíndo deportistas e activistas pódense descargar aquí: alegacións exprés, e aquí: alegacións de Petón do Lobo.
Ademais de Stop Eólicos Xurés Celanova e Petón do Lobo, tamén colaboraron na difusión e rexistro de alegacións plataformas como Salvemos o Támega-Adega Monterrei e Salvemos as Montañas de Trevinca, ademais do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e Amigos da Terra.
Douscentos son, aproximadamente, o número de escritos que se presentaron nos rexistros dos concellos de Xinzo e Baltar desde a semana pasada, segundo informan desde o Club de Parapente e a plataforma en defensa do Xurés. Mais é seguro que serán xa unhas cantas máis, a través dos rexistros telemáticos de cidadáns a título individual.
O ALCALDE, AGORA SI, CONTRA A LAT
Esta mañá, despois de ter recoñecido a semana pasada que non sabía do proxecto de Iberdrola para instalar unha liña de alta tensión que afecta Baltar, o alcalde José Antonio Feijoo (PP) informou en conversa telefónica co Diario do Limia de que o goberno municipal de Baltar está preparando as súas propias alegacións para se opoñer ao proxecto.
“Contactamos cun xurista experto nestas cuestións que está asesorando outros concellos e esperamos ter o escrito listo para presentar este luns ou mañá martes como moi tarde”, explicou pouco antes do mediodía o alcalde de Baltar.
Feijoo insistiu en que desde o concello non se presentou oposición ao proxecto en trámite do polígono eólico de San Martiño, na Boullosa -que é a instalación á que daría servizo a LAT do Larouco-, “porque non estamos en contra do desenvolvemento eólico sempre que as comunidades de montes estean de acordo e se cumpran as leis ambientais, porque son ingresos para as comunidades e tamén para o concello”. Mais, precisou, que no caso da LAT o goberno municipal de Baltar “debe defender a práctica do parapente, na que tamén desde o concello se ten investido moito, tanto cartos como esforzo”.
Non houbo oposición ao polígono eólico de San Martiño porque non se coñecía e as autoridades non fixeron nada por dalo a coñecer” (Stop Eólicos Xurés Celanova)
Desde Stop Eólicos Xurés Celanova, unha das súas portavoces, Aldara Soutomanco, parabenizou o traballo dos clubs de parapente que conseguiron “mobilizar á veciñanza dun concello no que non houbo oposición ao polígono eólico de San Martiño porque non se coñecía e as autoridades non fixeron nada por dalo a coñecer”.
Soutomanco lembrou que a súa plataforma rexistrou hai un mes, no propio Concello de Baltar, máis de corenta alegacións contra o proxecto de instalar catro aeroxeradores en San Martiño, e advirte que “a oposición á LAT servirá para difundir os riscos que ameazan toda esa zona entre o Larouco e o Xurés, onde ademais de San Martiño están en trámites dous polígonos cun total de 15 aeroxeradores e unha liña de evacuación cara a Muíños, pasando por Calvos de Randín, sobre o mesmo val do Salas”.