O turismo quedou na gabia coa parte dianteira moi danada

NOTICIAS A LIMIA | Saída de vía sen feridas de consideración na estrada de Lamas a Filgueira

O vehículo accidentado, minutos despois do sinistro. | FOTO: DdL

Un turismo conducido por unha muller e que levaba como pasaxeira a unha nena quedou avariado na estrada entre Lamas e Filgueira a menos dun quilómetro da primeira das localidades despois de sufrir unha saída de pista na vía, un ramal da OU-301, sen que as ocupantes tivesen feridas de consideración.

O vehículo, un Volkswagen Golf Variant, sufriu o accidente pouco antes das cinco desta tarde. Non chovía pero a estrada estaba mollada a esa hora. O coche circulaba en dirección a Lamas e saíu da vía polo lado esquerdo, despois duns metros quedou parado en posición perpendicular á vía, con danos visíbeis na parte dianteira. 

A alerta no 112 saltou ás 16:44 horas deste luns. Ao lugar do sinistro, segundo informou Axega, desprazouse o servizo de urxencias sanitarias, mais nin a nena nin a muller, que ao parecer foi a que deu o aviso, necesitaron ser trasladadas.

Familiares das accidentadas e unha unidade da Garda Civil permanecían no lugar do accidente minutos despois. Non foi necesario cortar o tráfico xa que o vehículo quedou case completamente fóra da estrada.