A Xunta Local de Seguridade impulsa a elaboración dun plan para o Entroido

NOTICIAS A LIMIA | O sistema de seguimento atende agora en Xinzo dez casos de violencia de xénero

Reunión da Xunta Local de Seguridade, este mércores na Casa do Concello. | FOTO: Subdelegación do Goberno

A reunión esta mañá na Casa do Concello de Xinzo da Xunta Local de Seguridade, presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a alcaldesa, Elvira Lama, serviu para dar a coñecer que o Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén) mantén actualmente dez casos activos no concello de Xinzo de Limia. 

Segundo a información que facilitou a Subdelegación, entre estes casos, un presenta risco medio, cinco risco baixo e catro risco non apreciado. Todos contan con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación. En canto ao seguimento dos casos activos, seis están asignados á Garda Civil e catro á Policía Local.

A Xunta Local acordou a elaboración dun plan de seguridade coordinado entre a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de cara ás festas do Entroido que comezan esta fin de semana. 

Ademais, Emilio González ofreceu datos sobre o índice de criminalidade e asegurou que en Xinzo de Limia mantense "en niveis baixos". O subdelegado do Goberno explicou que se observa un descenso dos delitos graves e menos graves contra o patrimonio, mentres que os delitos telemáticos presentan unha tendencia á alza.

No relativo ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, a Subdelegación informa que "se incrementarán os mecanismos de comunicación e colaboración cos centros educativos do concello co obxectivo de impulsar os recursos cos que informar e formar aos participantes".