A uns días do Corredoiro, Santi e Aurora mostran como se elabora a máscara da pantalla

NOTICIAS A LIMIA | No taller do Entroido: os fíos que transmiten a tradición

Aurora Dacal e Santi Martínez, en Arrebol, onte mércores. | FOTOS: Noelia Caseiro

Santi hai anos que non se viste de pantalla. O Entroido cambiou e a el o que lle gusta é a tradición. Quizá por iso aférrase ás máscaras, un traballo de artesán, calmo, constante. A sangue do Entroido corre polos fíos que cose Santi no seu taller Arrebol de Xinzo de Limia. Ao seu lado, Aurora, que agarima cada pucho, a tea que está no principio dunha máscara de pantalla. 

"A técnica é a carta pesta, orixinaria de Italia, cando menos do século XV", explica Santi. Consiste en elaborar obxectos xuntando anacos de papel pegados cunha pasta, no caso das pantallas, auga e fariña, "o engrumo". "E se non deixas ocos, aire, ao final resulta tan dura como a madeira". Cunha navalliña vaise cortando, pulindo a superficie; un proceso laborioso, delicado, para mans de artesán. 

"A base está nisto", di Aurora, e mostra un sombreiro convertido nunha carauta negra contorneada por fíos brancos. "Aproveitamos todo o sombreiro para facer o nariz, as o bigote, os labios... tamén os cornos". Despois vén o engrumo, e pasada pola navalla e, ao final, o esmalte.

"O esmalte é unha técnica moi delicada. Temos agora unha pintora no obradoiro que se volve tola con isto, e mira que ten man", conta Santi divertido. "Tamén temos un xastre, que como cose tan ben, ás veces vai pola súa conta, dou a volta e xa está cambiado a puntada".

Máscaras listas para a última fase do proceso de elaboración no taller Arrebol.

Santi transmite o saber. El empezou moi novo. "Estabamos con Julio Villarino, a cousa era dar unha puntada xusto en medio da base do ollo. A primeira foi ben; a segunda, non tanto; e a partir da terceira díxome: xa non me mostres máis, segue... E despois de volver da mili xa me puxen a isto".

Facer unha máscara leva entre 60 e 70 horas. Tamén se reparan. Santi recoñece cada una das máscaras de pantalla que fixo. Mesmo foi quen de introducir algunha innovación.

Carauta cortada e cosida.

Como aos pequenos lles caían se lles quedaban grandes, deixou un corte na parte de atrás e ideou un peche con cordóns de zapatos. "Metían a cabeza e axustaban. Despois púxeno tamén nas de maiores. É máis práctico e cómodo".

No taller este ano andarán por unhas trinta máscaras. Tamén as hai a restaurar. Algunhas, feitas hai máis de 30 anos. Se o traballo está ben feito, o material é resistente. O máis recorrente é unha man de pintura de cando e cando. "Estes días andamos a mil, á xente entroulle a présa a última hora, como non se sabía se ía haber Entroido ou non... O ano pasado foi diferente, como se suspendeu, puidemos entregar algunhas pezas en marzo. Mais o normal é que o mércores de cinza xa nos poñamos a traballar para o ano seguinte", conta Aurora.

A sangue do Entroido corre polos fíos que cose Santi no seu taller Arrebol de Xinzo de Limia.

As máscaras elaboradas este ano en Arrebol, listas para correr o domingo.

Ao seu lado, Aurora, que agarima cada pucho, a tea que está no principio dunha máscara de pantalla. 

O taller de Aurora e Santi chámase Arrebol. Pola cor rubia. Está cheo de máscaras a medio facer. O posto de traballo deles dous ocupa un espazo mínimo na habitación máis pequena, aproveitando a luz da rúa. Despois hai unha gran mesa onde este ano volveron impartir os obradoiros. Alí están as creacións da pintora, do xastre e do resto de alumnos. Santi mostra satisfeito dúas carautas, unha grande e unha pequena. "É dun pai que está facendo unha para el e outra para o fillo"

Santi, no seu posto na parte dianteira do taller.

Iso é o Entroido en Xinzo. Tradición que se transmite polos fíos que cosen mans expertas de pais que un día foron fillos. No interior da carauta están cosidos os segredos, a fórmula para que a tradición non esmoreza.


Na terceira fin de semana do Entroido de Xinzo de Limia toca Domingo Corredoiro. As pantallas aparecen na rúa. O día anterior, o sábado, a festa en feminino. O Entroido 202 alcanza o seu ecuador.