NOTICIAS A LIMIA | Usuarias da piscina climatizada presentan reclamacións polo peche en xullo
A piscinas exteriores de Xinzo de Limia continúan pechadas, e os usuarios da piscina climatizada (que pechará en canto abran as outras, segundo avanzou o luns o Diario do Limia) van o día e saben que mañá aínda haberá servizo. Do venres xa ninguén lles di nada. Tampouco o goberno local de Xinzo de Limia, que esta tarde emitiu un comunicado no que informa que as piscinas exteriores abrirán durante “a fin de semana”.
No asunto das piscinas, o goberno de Elvira Lama segue sumando un atraso detrás doutro. Primeiro anunciou a apertura para o 1 de xullo, mais non informou do atraso até o mesmo día 1 e só despois de que o Diario do Limia tivese sinalado o incumprimento do prazo. Tampouco informou da decisión de pechar a piscina climatizada durante o mes de xullo por vez primeira en 22 anos. E hoxe, mércores, dous días despois de que este xornal se fixera eco do malestar entre as usuarias e as traballadoras, o goberno municipal informa nunha nota de prensa de “motivos económicos e de eficacia na xestión que argumentan a decisión de adiantar o peche da piscina climatizada”.
O eufemismo “adiantar o peche” significa que as piscinas pecharán en xullo (por primeira vez en 22 anos) e tamén a primeira quincena de agosto, como era habitual para realizar as tarefas de mantemento. Ningunha destas decisións foi comunicada á veciñanza nin as usuarias.
Algunhas das usuarias entrevistadas esta mañá polo Diario do Limia ás portas da instalación municipal explicaron que acaban de presentar unha reclamación pola decisión do goberno local de pechar este mes a piscina climatizada. As usuarias, a maioría son mulleres, quéixanse de que as deixen sen servizo que utilizan, en todos os casos (oito) que atenderon a este xornal, por cuestións de saúde.
“Teño 85 anos e hai dez non me podía nin me vestir soa. A piscina é fundamental para min. Veño sempre que podo. Tráeme e lévame o meu marido, que espera no coche”, conta unha muller veciña de Rairiz de Veiga. “Eu veño desde hai cinco anos. Estiven uns meses sen vir por unha operación nun ollo, e acabo de saber do peche. Non me parece xusto. Teño problemas nos ombreiros e uso tanto a piscina como o ximnasio”, explica un home mentres se coloca o casco da moto. É o último usuario en abandonar ás instalacións a esta hora, 11 da mañá.
As dúas mulleres que o precederon contan o da reclamación. “Parécenos mal, moi mal. Sen avisar e sen dar solucións. A que ven isto? Mire, nós vimos porque o necesitamos. E se puideramos vir máis, máis que viríamos. E iso que a esta señora [pola súa amiga] lle custa moito nadar. Que fixemos? Pois poñer unha reclamación. Veremos se nola contestan. Para nós as piscinas exteriores non serven, demasiada xente”.
Un matrimonio e outra muller que os acompaña lembran os motivos de saúde polos que se fixeron usuarias. A parella levará uns 12 anos, din. “Vimos practicamente todos os días e, por suposto, tamén xullo. Agosto parécenos normal que se peche, a xente ten que descansar. Pero isto non sei a que vén, as outras piscinas non cumpren a mesma función”, di a muller. A amiga que os acompaña subliña esa circunstancia: “A min a auga fría séntame mal. Estou pensando en ir a Allariz. xa sei que é moito gasto, aquí teño o ano enteiro pagado, pero de verdade que necesito isto”.
Non é a única que despois de coñecer a noticia empezou a buscar alternativas para o coidado da saúde tamén en xullo. “As piscinas exteriores non me valen, empezando polos horarios, eu adoito a vir de nove a dez da mañá. Estou pensando en ir a Allariz. Gastarei algo máis, pero é que aquí en Xinzo non me queda outra”.
O goberno local decidiu non informar publicamente do asunto até hoxe. Aos 104 abonados e outras usuarias a información lles chegou por canles informais. A alcaldesa gardou silencio estes días. Na nota de prensa di que “a factura de combustible" para manter en funcionamento a instalación “duplicou nos primeiros catro meses do ano á de todo o ano 2020 ou 2021”. E remata pedindo “desculpas”.
O Diario do Limia continuará intentando obter unha resposta da alcaldesa durante o día de hoxe, despois de tela solicitado desde onte e esta mesma mañá por diversas canles.