NOTICIAS A LIMIA | Visita Xinzo o candidato á Secretaría Xeral do PSdeG - PSOE, Valentín González Formoso
O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG - PSOE, Valentín González Formoso, visitou onte os Concellos de Xinzo de Limia, Verín e Celanova co obxectivo de difundir e promover a súa campaña "de ilusión e compromiso para facer un PSdeG máis forte".
O político chamou á participación nas Primarias do 30 de outubro, e destacou o gran papel que éstas xogan coma ferramenta democrática dando voz á militancia para decidir o futuro do partido.
Formoso incidiu en que o seu programa estará baseado en ideas e propostas, sen entrar en temas e confrontacións persoais. Resalta tamén a necesidade de fomento da participación a través das Primarias, e que nelas non se debe coartar ou prohibir que se presenten persoas que queiran mellorar o partido e a sociedade. Afirma que, se sae elixido, "nunca haberá un proceso de primarias á medida do Secretario Xeral".
Tamén aproveitou para lembrar que, se fose pola actual dirección do PSdeG, teríanse celebrado as Primarias o 26 de setembro, o que daría lugar a ter só un candidato. Por sorte "o PSOE ten órganos que garanten a participación democrática da militancia, algo que está no DNI do socialismo".