NOTICIAS A LIMIA | A webserie Os Tempos Mortos do Führer terá unha gala especial en Xinzo
Despois da súa participación e estrea no Ourense Film Festival, a webserie con persoal limiá, Os Tempos Mortos do Führer, levará a cabo unha gala especial no Concello de Xinzo de Limia.
O evento terá lugar o sábado día 9 de outubro na Casa da Cultura do concello. Abriranse as portas para o equipo artístico, técnico e tamén patrocinadores ás 16:15, deixando dispoñible o acceso aos invitados especiais para unha hora despois.
A gala iniciarase cun pequeno photocall seguido dunha exposición na que se exhibirán diversos obxectos usados durante a gravación da serie. Por exemplo, contarase co traxe que vestira o actor do Führer -datado de 1950- , haberá unha cartucheira nazi de 1942, unha pistola de madeira, o cadro que pinta Hitler na rodaxe, os brazaletes... e mesmo se poderán ver as escaletas e os guións empregados na creación das pezas audiovisuais.
Posteriormente procederase a realizar a proxección do teaser e making - off da webserie, e emitiranse os capítulos completos da mesma -cunha duración aproximada de media hora en conxunto- . Como acto final ofrecerase unha pequena sesión de relax con pinchos variados.
A data de estrea da webserie en plataformas está anunciada para o día 22 de outubro.