NOTICIAS A LIMIA | Xinzo acollerá o XIX Campionato Galego de Cetraría
A Federación Galega de Caza organiza para este venres, sábado e domingo no Concello de Xinzo de Limia a XIX edición do Campionato Galego de Cetraría. Un evento que xa se realizara en múltiples ocasións no municipio da comarca debido á orografía do seu terreo, a cal, grazas a súa longa extensión de terra cha permite unha magnífica visión do espectáculo de aves.
O campionato terá lugar nun campo afastado do Concello de Xinzo, ao oeste da vila seguindo o percorrdio do río Limia, concretamente entre as areeiras da Limia e Lamas. Poderase visualizar a localización concreta escaneando o código QR dispoñible no artigo correspondente da páxina da Federación Galega de Caza.
O evento amosará as aptitudes de caza de diversas aves, e os coidados e entrenamentos constantes que require cada especie según o obxectivo proposto. Dentro da competición haberá cinco categorías diferentes para inscribir aos animais:
- Altanaría a pomba lanzada.
- Baixo voo azores a perdiz.
- Baixo voo Harris a faisán.
- Pequenas aves a paspallás.
- Brazo tornado falcóns a perdiz.
Este ano contabilízanse uns 70 inscritos en total -a gran maioría participa con máis dunha ave por categoría-. Os competidores soen ser persoas de todas as idades e mesmo de diversos puntos de España. Na maior parte de edicións, as aves máis populares e cun número máis alto de inscricións foron o falcón peregrino e a aguia de Harris.
No tocante ao programa do evento, o vernes levarase a cabo o seu acto de presentación da Casa da Cultura de Xinzo ás 21:00 horas. Durante a xornada procederase ao sorteo da quenda de voos por inscritos, a cal determinará os horarios de actuación de cada ave.
O sábado ás 9:00 horas da mañá dará inicio o campionato, realizarase un breve descanso para comer de 14:00 a 15:00, continuando ata o remate de todas as demostracións. O domingo ás 9:00 exhibirán os voos os finalistas do concurso e, ás 17:00 da tarde, procederase á entrega dos premios. Os gañadores recibirán un trofeo e un diploma acreditativo da súa posición final da competición.
Como acto final celebrarase unha pequena cerimonia na que é costume homenaxear a unha persoa de gran relevancia do mundo da cetraría.