NOTICIAS A LIMIA | Xinzo contará con dous novos carrís bici ás marxes do río Limia
A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, o arquitecto municipal, Rafael Nogueiras, e diversos técnicos da Confederación Hidrográfica do Miño - Sil, reuníronse onte no concello para falar das necesidades máis urxentes que padece o terreo da vila co obxectivo de poñer en valor o seu entorno natural.
"Que os veciños de Xinzo de Limia volvan a vivir de cara ao río" foi a mensaxe que destacaron en común os invitados durante a xuntanza. Unha iniciativa que se levará a cabo mediante proxecto e que permitirá desenvolver unha estratexia para a próspera recuperación da zona.
Dentro do plan proponse a creación de dous carrís bici nas marxes do río Limia; un dende a ponte da rúa Sitibal ao de Baltar -cun ancho de 2,5 metros- , e outro á marxe esquerda da estrada dende Baltar ata Porto Alto. Tamén se arranxará o pavimento das rutas nomeadas.
A maiores, solicitouse aos técnicos da CHMS unha solución ante os vertidos existentes nas inmediacións do antigo matadoiro e no entorno das instalacións deportivas.
Estas actuacións sumaríanse á xa anunciada mellora e ampliación do paseo fluvial de Xinzo na que se pretende acondicionar o tramo entre a ponte de Lama e a estrada de Baltar, ademais de construír un novo paseo pola outra beira do río -de tal maneira que se obteña un circuito completo de seis kilómetros- .